A CIG-Ensino apoia o profesorado do IES de Sar ante a supresión dun docente unha vez comezado o curso

A CIG-Ensino mostra o seu apoio ao profesorado e alumnado do IES de Sar que se está mobilizando para esixir que se envíe un profesor ou profesora de Filosofía

Desde a CIG-Ensino denunciamos a irresponsabilidade da Consellaría de Educación ante a situación do IES de Sar, en Santiago, que se vén sumar á xa longa listaxe de centros afectados por continuos recortes nos cadros de persoal. Unha vez comezado o curso, o día 18 de setembro , o claustro do IES de Sar, de Santiago, foi informado de que a vacante de Filosofía non sería cuberta. Logo de que a docente inicialmente destinada no centro para esta materia comezase a impartir aulas, foi asignada con posterioridade a outro. Isto supuxo que se estean reelaborando neste momento o horarios do profesorado e que aproximadamente 130 persoas ( 4 grupos de bacharelato, 1 de 4º da ESO e 1 de 2º da ESO) non estean recibindo clase.

A CIG-Ensino considera ademais nefasta a actuación da Consellaría diante dos constantes conflitos que ela mesma provoca consistente en culpabilizar ao centros e mentir en canto aos datos; para as materias a impartir no seminario de Filosofía do IES de Sar cóntase con 29 horas, non con 20 como di a Consellaría. 

Os cupos que utiliza a Administración para dotar o persoal dos  Centros supoñen que moitas das materias non sexan impartidas por especialistas   (neste caso Ética e Antropoloxía) o que redunda nunha peor calidade do ensino e no empeoramento das condicións de traballo dos e das docentes, segundo vimos denunciando reiteradamente desde a CIG-Ensino.

Por outra banda, esta decisión da Consellaría provoca, máis alá do entorpecemento do comezo normal das aulas,  un empobrecemento preocupante da oferta educativa deste  centro público que se pode ver abocado a reducir a optatividade inicialmente ofertada.

A CIG-Ensino denuncia esta situación  e esíxelle á Consellaría que solucione o problema do IES de Sar cubrindo a praza de docente de Filosofía a todas luces necesaria e apoia a protesta levada a cabo por alumnado e profesorado.

Volver