
A CIG-Ensino apoia o manifesto de Galiza por Palestina contra o Escolasticidio e o Xenocidio Palestino
Galiza Por Palestina: COMUNICADO NO DÍA DAS LETRAS GALEGAS EN DENUNCIA DO ESCOLASTICIDIO E DO XENOCIDIO PALESTINO
Desde a CIG-Ensino apoiamos o manifesto de Galiza Por Palestina no cal piden ás traballadoras e traballadores do sistema educativo galego, ao persoal docente e non docente, ao persoal investigador, ás académicas e académicos, escritoras e escritores, e ás responsábeis das institucións da educación, lingua e cultura galegas que apoien as seguintes exixencias:
- Demandamos do goberno da Xunta de Galicia que denuncie o xenocidio do pobo palestino e ocupación ilegal, e que deixe de bloquear o consenso para unha Declaración Institucional no Parlamento Galego que exixa o cumprimento das resolucións das Nacións Unidas e da lexislación internacional.
- Pedimos á Real Academia Galega e ás demais institucións representativas da lingua e cultura galegas que emitan declaracións firmes de denuncia do apartheid, da ocupación da Palestina e do xenocidio do seu pobo
- Exiximos ás universidades galegas que cumpran coas súas obrigas legais fronte ás violación do Dereito
Internacional por parte de Israel, rompendo todo tipo de relacións con institucións implicadas. - Demandamos un sistema educativo público, inclusivo, crítico e independente, que non colabore con entidades que financien ou se lucren da ocupación e do xenocidio do pobo palestino.
- Pedimos revisar os convenios e acordos con organismos públicos e privados israelís, e suspender relacións con aqueles que non tomen unha posición firme pola paz.
Podes ler o manifesto completo na seguinte ligazón e apoialo coa túa sinatura nestoutra ligazón