
A CIG-Ensino apoia as reivindicacións de máis persoal por parte do claustro e familias do CEIP Ana María Diéguez
Máis de dúas semanas despois do inicio do curso e co alumnado sen asistir a clase a inspección educativa visita hoxe o centro para coñecer as necesidades de persoal. O sindicato agarda que se peche unha solución canto antes.
A comunidade educativa do CEIP Ana María Diéguez de Rianxo está a ser un exemplo de unión e de anteposición da atención educativa do alumnado ante calquera outra circunstancia. Van xa 12 días lectivos desde que comezou o curso e o alumnado permanece sen ir á escola como medida de presión das familias para conseguir o profesorado que necesitan: un ou unha especialista en Pedagoxía Terapéutica, un ou unha en Audición e Linguaxe e un titor ou titora para 5º de Primaria. Este inxente sacrificio contou desde o comezo do conflito coa Consellaría co respaldo de todo o claustro do colexio que segue mantendo a necesidade de contar con estes tres mestres/as para garantir o correcto funcionamento do centro.
Hoxe está prevista a visita da inspección educativa ao centro para comprobar as necesidades “reais” en canto a persoal. A CIG-Ensino lamenta que en todo este tempo non se producira esta visita nin ningún achegamento real por parte da Consellaría a unha solución que permita dunha vez por todas o normal funcionamento deste centro educativo e a non discriminación do seu alumnado. Por iso agarda que se adopten as medidas necesarias para dar por pechado este conflito que, en ningún caso, desexaban que se prolongase deste xeito as partes implicadas. O sindicato apoia o proceder do claustro, que desde o mesmo día 2 de setembro alertou de que a falta de persoal facía inviábel atender todas as necesidades educativas que ten o alumnado matriculado no centro e enxalza a unión á que se chegou coa Anpa e coas familias para manter esta petición até o día de hoxe.
Novas relacionadas