A CIG-Ensino apoia as protestas da comunidade educativa do IES Marco do Camballón pola dotación inmediata de profesorado de Latín e Grego
A Consellaría alude á baixa cifra de alumnado matriculado cando en realidade a súa estratexia é a de deixar morrer as Linguas Clásicas nos centros do rural para amortizar prazas e recortar en persoal docente.
Após sete semanas do inicio do curso escolar, e xa mediado o primeiro trimestre, o alumnado que escolleu o Bacharelato de Humanidades segue sen poder cursar estas materias de xeito presencial. O centro, que tiña aprobada a creación do grupo de Latín e Grego, solicitou a cobertura desta praza o 28 de agosto e, dende aquela, a única alternativa ofrecida pola Xunta foi cursar Latín e Grego a distancia a través do IES San Clemente de Santiago.
O director Xeral de Centros e Recursos Humanos, Xesús Álvarez Bértolo, confirmoulle á CIG-Ensino, que “esta praza non se vai amortizar” mais non se cubriu provisionalmente no CADP nin desde comezos de curso debido, segundo as súas propias palabras, “ao pouco alumnado do bacharelato de Humanidades”.
Para a CIG isto é inaceptábel, xa que “o ensino a distancia non pode substituír a docencia presencial nun bacharelato ordinario, e menos aínda en materias troncais da modalidade” e ademais, “esta decisión da Consellaría, supón tratar ao alumnado do rural como alumnado de segunda” poñendo en risco a continuidade da oferta de Humanidades do centro nos vindeiros cursos.
A comunidade educativa afectada xa remitiu un escrito á Consellaría sen obter resposta, o que os levou a convocar unha primeira concentración o pasado 5 de outubro e outra este martes 19 de outubro, ás portas do centro. A CIG quere manifestar o seu pleno apoio a estas mobilizacións e as que se poidan convocar no futuro.
Por outra banda, o sindicato quere lembrar que este caso non é illado: a falta da cobertura das substitucións e os recortes nos cadros de persoal dos centros están a deteriorar a oferta educativa no rural galego, que perden materias, optativas e modalidades de bacharelato curso tras curso. Ademais, segundo denuncia o colectivo de docentes de Latín e Grego, que vén de realizar unha asemblea na Facultade de Filoloxía a semana pasada, nestes intres hai 47 centros en Galiza que non están ofertando materias destas especialidades, alén doutros 16 con limitacións na oferta, o que está afectando a arredor de 200 estudantes. Esta situación coincide ademais no tempo no que a escaseza de profesorado de Linguas Clásicas é unha constante en todo o Estado español e tamén en Galiza, coa apertura de listaxes de substitución ano tras ano destas dúas especialidades dado o reducido número de persoas tituladas que saen da Universidade. Para a CIG-Ensino “a estratexia da Consellaría está clara, deixar morrer as linguas clásicas impedindo xa a súa oferta no Bacharaleto e, polo tanto, limitando aínda máis o número de persoas que opte por estes estudos universitarios”.
Por todo isto, a CIG esixe a dotación inmediata e presencial do profesorado de Latín e Grego no IES Marco do Camballón e a garantía de que se manteña a oferta de bacharelato completa e presencial nun momento en que aínda se están a adxudicar interinidades para o que resta de curso.

