A CIG-Ensino apoia as demandas de persoal especialista da comunidade educativa do CEIP Campomaior de Ordes
Desde a comunidade educativa denuncian á falta de profesorado de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e persoal Coidador
A CIG-Ensino quere denunciar que a falta destes profesionais está a provocar importantes dificultades na atención diaria do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, afectando non só ao benestar dos nenos e nenas, senón tamén ao funcionamento normal dos propios centros educativos. Considera inadmisible que se reduzan ou eliminen recursos humanos fundamentais nun sistema educativo que debe garantir a igualdade de oportunidades e a atención individualizada de todo o alumnado.
Os coidadores e coidadoras desempeñan unha función esencial dentro da comunidade educativa, prestando apoio ao alumnado que precisa acompañamento nas actividades cotiás, favorecendo a súa autonomía, integración e participación plena na vida escolar. A súa ausencia supón unha vulneración dos dereitos destes nenos e nenas e unha sobrecarga para o resto do persoal educativo e das propias familias.
A escola pública debe ser un espazo accesible, integrador e respectuoso coa diversidade, onde ningún neno ou nena quede atrás por falta de recursos. É fundamental que as administracións deixen de tratar estes apoios como un gasto e entendan que son unha peza imprescindible para garantir unha educación de calidade e en igualdade.
A central sindical considera que a administración debe apoiar decididamente a calidade educativa do ensino público da comarca e dotar aos centros do persoal necesario para unha inclusión real.
Novas relacionadas

