A CIG-Ensino apoia as demandas de ANPA e profesorado do CEIP San Xoán de Filgueira para que se habilite unha unidade de infantil

Nunha concentración esta mañá diante do centro exixiron á inspección e á Dirección Territorial reclamaron que poidan matricularse as 11 crianzas que quedan fóra do centro.

A central sindical considera que a administración debe apoiar decididamente a calidade educativa do ensino público da comarca e clarificar se vai habilitar unha nova unidade na etapa de Infantil no CEIP situado no barrio de San Xoán.

Desde a CIG-Ensino apóstase polas mobilizacións da comunidade educativa ou o seguimento dos incuprimentos da normativa da propia Consellaría como ferramentas imprescindibles para mellorar as condicións laborais do profesorado e, consecuentemente, a calidade educativa do ensino público. Son moitos os centros da comarca de Ferrolterra aos que non se lles están a dar os desdobres que deberían ter, tamén numerosos os que teñen unhas instalacións deficientes e que non teñen o profesorado que precisarían – sobre todo no que ten a ver coa atención das Necesidades Específicas de Apoio Educativo-. Un deles é o CEIP San Xoán de Filgueira, centro que conseguiu aumentar a súa matrícula nos últimos cursos.

A secretaria comarcal da CIG-Ensino, Andrea Martíns, considera que “a defensa do ensino público galego debe levarse a cabo con accións reais, mais alá de publicitala con grandes campañas nos medios de comunicación” e que é inaceptable que a día de hoxe o profesorado e as familias do CEIP de San Xoán non saiban se se vai habilitar unha nova unidade en Infantil e así levar ás crianzas a ese centro. “Semella que se está a xogar cos prazos para que as familias busquen outra opción e así xustificar a ausencia da habilitación, e de paso, aforrar dous salarios dunha profesora na etapa de Infanil e un apoio”. Ademais, suporía para algunas familias con varios fillos e fillas telos escolarizados en centros diferentes.

Despois de levar esta situación, e outras semellantes, á Xunta de Persoal provincial e ao Consello Escolar Municipal esta mañá tivo lugar unha concentración de toda a familia educativa na que se exixiu que poidan matricularse as 11 crianzas que quedaron sen praza e non se descartan outras accións.

Volver