A CIG-Ensino apoia as demandas das familias do CEIP Arias de la Maza e CEIP Varela Buxán de Lalín para que se restitúa o persoal coidador de ambos centros

Na concentración do onte á noite na praza da igrexa de Lalín, exixiron á Consellaría de Educación a restitución inmediata do coidador destes centros que atende a 4 cativos con necesidades

A CIG-Ensino quere denunciar que a falta destes profesionais está a provocar importantes dificultades na atención diaria do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, afectando non só ao benestar dos nenos e nenas, senón tamén ao funcionamento normal dos propios centros educativos. Considera inadmisible que se reduzan ou eliminen recursos humanos fundamentais nun sistema educativo que debe garantir a igualdade de oportunidades e a atención individualizada de todo o alumnado.

Os coidadores e coidadoras desempeñan unha función esencial dentro da comunidade educativa, prestando apoio ao alumnado que precisa acompañamento nas actividades cotiás, favorecendo a súa autonomía, integración e participación plena na vida escolar. A súa ausencia supón unha vulneración dos dereitos destes nenos e nenas e unha sobrecarga para o resto do persoal educativo e das propias familias.

En declaración do responsable da CIG-Ensino na comarca de Tabeirós Terra de Montes, Xosé Nogueira: “as familias afectadas levan tempo reclamando solucións á administración educativa sen obter respostas satisfactorias e por iso, é polo que chamamos á comunidade educativa a dar un paso máis e facer visible esta problemática na rúa, co obxectivo de sensibilizar á sociedade e esixir compromisos reais e inmediatos por parte da Consellería de Educación”

A escola pública debe ser un espazo accesible, integrador e respectuoso coa diversidade, onde ningún neno ou nena quede atrás por falta de recursos. É fundamental que as administracións deixen de tratar estes apoios como un gasto e entendan que son unha peza imprescindible para garantir unha educación de calidade e en igualdade.

A central sindical considera que a administración debe apoiar decididamente a calidade educativa do ensino público da comarca e dotar aos centros do persoal necesario para unha inclusión real.

Volver