A CIG-Ensino apoia as concentracións convocadas polas Anpas na Comarca de Compostela e chama o profesorado a participar para demandar os recursos que os centros precisan

O sindicato maioritario considera que a realidade é que este é un dos comezos de curso con maiores protestas polos recortes dos últimos anos que nin con toda a maquinaria de propaganda da Xunta se van a calar

Como non podía ser doutro xeito a CIG-Ensino, a través do seu persoal delegado, acudirá ás distintas concentracións convocadas polas Anpas ao longo de todo a comarca de Compostela, nomeadamente hoxe e mañá, e insta á Xunta a rectificar e a dotar de todo o persoal docente que seguen demandando os centros para o seu normal funcionamento.

Entre hoxe luns e mañá martes están previstas arredor de dez accións de protesta na contorna da capital de Galiza, que se suman ás múltiples xa celebradas desde o verán e que se intensificaron desde o inicio de curso. Desde o sindicato maioritario no ensino público galego non se recorda nos últimos anos tanto malestar a comezos de curso por falta de persoal e tanta improvisación con cambios de horario e decisións como a de obrigar a docentes a itinerar cando xa transcorreron máis de 10 días desde que comezaron as clases. A estas alturas hai aínda profesorado que está pendente de que se lle modifique o seu horario, o que alterará o funcionamento do centro no que viña prestando servizos.

Esta situación, centrada fundamentalmente nos centros de infantil e primaria, aínda que tamén se produciron incidencias en secundaria e no resto de ensinanzas, estalle sendo trasladada por parte dos equipos directivos e dos claustros afectados ao sindicato e levou a que as Anpas dalgúns centros decidiran realizar accións coordinadas de protesta.

Así, só na comarca de Compostela entre hoxe luns e mañá martes terán lugar concentracións diante dos colexios de Pedrouzos (Brión), Arcediago (Santiso), Barouta e Ventín (Ames), A Ramallosa e Calo (Teo), Os Dices (Rois) e Quiroga Palacios (Santiago). A final de semana haberá outra en Lousame e as familias do CEP O Pindo seguen sen levar ás crianzas ao centro e concentrándose nas portas do Centro. As concentracións están convocadas polas Anpas e o sindicato maioritario anima o profesorado a secundalas co obxectivo de presionar para que se dote de todo o persoal necesario para atender coa calidade necesaria o alumnado, sobre todo a aquel con necesidades específicas de atención educativa.

Neste sentido, lembra que “o que está a acontecer este ano desmonta por completo a propaganda da Consellaría de que se está ante a maior modernización do sistema educativo deste país” e contrasta este caos coa contratación de máis de 1000 docentes tras o acordo para a redución do horario lectivo en secundaria e primaria asinado por unanimidade sindical coa Xunta no curso 2007/2008.

Volver