A CIG-Ensino apoia a reivindicación da ASAC de revisar a Orde de atención á diversidade para que as altas capacidades non dependan exclusivamente do cociente intelectual
A secretaria nacional do sindicato reuniuse co presidente da Asociación de Altas Capacidades de Galiza para analizar as eivas que ten a normativa galega á hora de identificar este alumnado
Segundo concluíron ambas entidades a normativa vixente e o informe que deben cubrir os servizos de orientación deixan fóra perfís como a precocidade ou os talentos, polo que reclaman sistemas de avaliación homologados baseados en percentís e perfís de necesidades.
A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, mantivo a semana pasada unha reunión con Javier Ares, presidente da Asociación de Altas Capacidades de Galicia para abordar a situación do alumnado con altas capacidades no ensino público galego e, en particular, as eivas da normativa que regula a súa identificación.
O sindicato xa advertiu na Mesa Sectorial en que se negociou a Orde de atención á diversidade, en marzo de 2021, que a definición de alumnado con altas capacidades do borrador non se correspondía co concepto actual nin co propio Protocolo de altas capacidades da propia Consellaría. Daquela xa solicitara que o cociente intelectual non figurase como condición excluínte para a súa determinación e a Consellaría non atendeu esta proposta.
En concreto, a Orde do 8 de setembro de 2021, que segue vixente, estabelece no seu artigo 9 que “para os efectos desta orde, considérase alumnado con alta capacidade intelectual o que presenta unha capacidade intelectual igual ou superior a 130 de cociente intelectual, un alto nivel de creatividade e persistencia nas tarefas de alta complexidade intelectual ligadas ás súas áreas de interese”.
Esta norma incorpora os parámetros do Protocolo da Consellaría, mais fixa como requisito obrigatorio e acumulativo un CI igual ou superior a 130. Ese criterio podería aplicarse á sobredotación, pero deixa fóra un perfil moito máis amplo de altas capacidades, como a precocidade ou os talentos, tal e como puxeron en común a responsábel do sindicato e o presidente da ASAC. Desta maneira, a administración restrinxe na práctica o recoñecemento dun alumnado que ten dereito a unha resposta educativa axeitada ás súas necesidades.
Durante o encontro o presidente da Asociación de Altas Capacidades de Galicia, Javier Ares, alertou das consecuencias prácticas desta regulación. “O feito de que a norma sexa tan restritiva, e que deixe fóra moitas casuísticas, pode provocar que unha nena que chega doutra comunidade onde está recoñecida como alumna de altas capacidades deixe de selo aquí por non alcanzar o cociente intelectual esixido”, explicou. “Iso significa que non poderá obter o certificado que o Ministerio esixe para tramitar bolsas ou para acceder a recursos que dean resposta ás súas necesidades educativas.”
Un informe que só mide o CI e a creatividade
Na reunión tamén se analizou o informe que os servizos de orientación teñen que cubrir para acreditar que unha nena ou un neno presenta necesidade específica de apoio educativo asociada ás altas capacidades. Nese informe, a avaliación psicopedagóxica só permite avaliar o cociente intelectual e o nivel de creatividade. Isto vén a confirmar unha concepción reducionista das altas capacidades, contraria ao coñecemento actual neste ámbito, que as entende como unha realidade diversa e multidimensional. Ademais, sitúa os departamentos de orientación e os EOE ante un instrumento que non lles permite reflectir a realidade do alumnado que avalían.
As propostas da CIG-Ensino
Por todo isto, a CIG-Ensino solicita á Consellaría unha revisión da Orde de atención á diversidade que inclúa, entre outros aspectos, a modificación do artigo 9 cos seguintes obxectivos:
- Eliminar o limiar de CI igual ou superior a 130como requisito obrigatorio para determinar as altas capacidades.
- Recoñecer expresamente na normativa os distintos perfís de altas capacidades: sobredotación, precocidade e talentos simples e complexos.
- Aplicar sistemas de avaliación homologados, con avaliacións psicopedagóxicas baseadas en percentís e perfís de necesidades, e non nun único valor numérico.
- Adaptar o informe de acreditación para que os servizos de orientación poidan rexistrar todas as dimensións relevantes da avaliación.
Desde a CIG-Ensino lembramos que atender a diversidade significa tamén dar resposta ao alumnado con altas capacidades. Esa resposta non é posíbel se a propia normativa pecha a porta a boa parte deste alumnado impedindo a súa identificación.
A normativa actual presenta eivas de moito calado á hora de intervir nos centros con este alumnado e darlle resposta as súas necesidades específicas de apoio educativo.

