
A CIG-Ensino apoia a iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG, para celebrar o día de Rosalía
Como en anos anteriores proponse o 24 de febreiro como data para a conmemoración
Rosalía Castro representa para todas e todos nós a defensa inquebrantábel do idioma, a entrega total para que un día sexa unha lingua plenamente normalizada. Esta visión de Rosalía debe ser tamén a que ten esta Administración galegófoba que se nega a que o seu día veña recollido no calendario escolar e que este ano retirou a data do calendario do libro e da lectura. Por que temen a Rosalía?
Nun curso en que a LOMCE entra en vigor, nada mellor que lermos a nosa poeta para termos presente todo o que esta lei nos quere negar.
Desde a CIG-Ensino seguiremos insistindo, cando sexamos convocados para tratar o calendario escolar, en que o 24 de febreiro se inclúa como unha conmemoración centrada no recoñecemento e difusión da autora que simboliza o Rexurdimento da nosa lingua e a nosa literatura. Os desprezos manifestos da Consellaría non nos farán calar e seguiremos a sinalar os seus prexuízos e o seu autoodio.
Finalmente, animámosvos a que participedes nas lecturas colectivas que a AELG celebra en todo o país o luns 24 de febreiro e mesmo no acto nacional que se celebrará o domingo 23 no Pateón dos Galegos Ilustres.
Feliz día de Rosalía.