
A CIG-Ensino apoia a iniciativa da AELG a prol da celebración do Día de Rosalía e exíxelle á Consellaría que se declare para tal fin o 24 de febreiro
Este ano conmemórase o 150 aniversario da publicación de Cantares Galegos, a primeira obra publicada integramente en lingua galega
Por este motivo, propomos que as lecturas ou os actos que se celebren nos centros educativos para lembrar a figura de Rosalía, xiren ao redor de Cantares Galegos e da importancia do paso dado pola súa autora quen:
“..., inda achándome debil en forzas, e nabendo deprendido en mais escola qu' á d' os nosos probes aldeans, guiada solo por aqueles cantares, aquelas palabras cariñosas e aqueles xiros nunca olvidados que tan doçemente resoaron nos meus oidos desd' á cuna, e que foran recollidos po-lo meu corazon como harencia propia, atrevinme á escribir estos cantares, esforzándome en dar á conocer como algun-has d' as nosas poeticas costumes, inda conservan certa frescura patriarcal e primitiva, e com' ó noso dialecto doce e sonoro, é tan aproposito com' ó pirmeiro, para toda clase de versificacion.”
A CIG-Ensino, tal e como o vén facendo desde hai anos, seguirá reclamando na negociación do calendario escolar, que o 24 de febreiro se inclúa como unha conmemoración centrada no recoñecemento e na difusión da autora que simboliza o Rexurdimento da nosa lingua e da nosa literatura. A data sumaríase a outras que xa se conmemoran no ensino. Agardemos que a Consellaría mude a súa postura insensíbel e inexplicábel cara ao idioma galego e admita esta proposta da CIG-Ensino.
Finalmente, animamos a todos e a todas a participar nas lecturas colectivas que a AELG celebra en todo o país o sábado 23 de febreiro e mesmo no acto nacional que se celebrará o domingo 24 no Panteón dos Galegos Ilustres.
Feliz día de Rosalía