.grande.jpg)
A CIG-Ensino apoia a folga no ensino público medio e universitario convocada polas organizacións estudantís galegas mañá 20 de febreiro
Fai un chamamento aos centros e ao profesorado para que faciliten a participación do estudantado na folga e nas mobilizacións contra a LOMCE e os recortes
Denunciar os recortes na educación e as consecuencias que traerá consigo a aplicación da LOMCE, polo que ten de privatizadora, clasista, confesional, españolizadora e uniformizadora, e de desmantelamento do ensino público galego é o obxectivo desta folga e das mobilizacións organizadas para mañá en Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Vigo, Carballo, Cee, Ribeira, Moaña, Noia, Ponteareas, Pontedeume, Ribadeo, Sarria, Verín, Vilalba e Vilagarcía. O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, participará na manifestación que sae ás 12:00 horas da Alameda de Santiago.
A CIG-Ensino ten previsto contribuír de maneira activa a manter aberta a loita contra a LOMCE, unha vez que se aprobou e até que sexa derrogada. Por esta razón, nas asembleas nos centros, os delegados e delegadas da CIG-Ensino están trasladándolle a todo o profesorado unha serie de propostas que teñen como propósito conseguir que a aplicación da LOMCE sexa o menos lesiva posible.