A CIG-Ensino apoia a concentración para pedir que non se prohiba o galego nin dentro nin fóra das aulas
O sindicato respondeu esta mañá á chamada da Mesa pola Normalización Lingüística diante do Parlamento de Galiza para denunciar que o acordo asinado entre PP e PSdG non vai reverter a perda de falantes na nosa lingua.
A Xunta, agora co PSdG como cómplice, continúa coa súa estratexia de que a lingua sexa, unha vez máis, obxecto de confrontación nos centros de ensino en lugar de potenciala, prestixiala e presentala como un activo atractivo para toda a comunidade educativa. Como alternativa a estes pactos contra o galego, a CIG presentará unha Iniciativa Lexislativa Popular para que se tomen medidas que realmente permitan sacalo da situación de emerxencia actual.
Para o sindicato este acordo non só limita a presenza do galego nas aulas senón que, ademais, deixa en mans das direccións de cada centro, e dos claustros, a decisión de que materias se imparten en galego e cales non. Desde o sindicato denunciamos que estas medidas non son só totalmente ineficaces para paliar a falta de competencia, uso e normalización do galego entre a poboación escolar senón que ademais contribuirán a un aumento da burocracia e provocarán friccións entre o profesorado.
É por iso que esta mañá se sumou á concentración convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística diante do Parlamento de Galiza para pedir aos grupos parlamentarios que se poñan de acordo e levanten o veto ao galego dentro e fóra das aulas porque a nosa lingua é válida para todos os ámbitos e espazos.
A iniciativa Lexislativa Popular como alternativa aos Pactos contra o Galego
Desde a CIG-Ensino lémbrase a toda a comunidade educativa que se vén de rexistrar no Parlamento galego, xunto con outras entidades, unha Iniciativa Lexislativa Popular co obxectivo de revivir a nosa lingua e avanzar cara a súa completa normalización. No texto da mesma recóllese unha referencia ao ámbito do ensino, que o sindicato subscribe na súa totalidade e de aí que anime a profesorado, familias e alumnado a implicarse na recollida de sinaturas para que os grupos parlamentarios que pactaron en contra do galego, propoñan a inmediata derrogación do Decreto de Plurilingüismo e se implementen este mesmo curso as principais medidas necesarias para revivir a nosa lingua antes de que sexa demasiado tarde:
- O galego é a lingua vehicular e de aprendizaxe do sistema educativo obrigatorio e non obrigatorio e a de uso normal de acollida do alumnado de recente incorporación. A Xunta da Galiza asegura a docencia en galego en todos os cursos, niveis, materias, módulos e modalidades educativas sen que poida ser restrinxida no desenvolvemento normativo. As materias lingüísticas impartiranse, con carácter xeral, na lingua obxecto de aprendizaxe.
- Adoptaranse as medidas de reforzo necesarias para recuperar e ampliar o uso do galego entre o alumnado contando coas Equipas de Normalización e Dinamización Lingüística.
- A administración educativa garantirá a plena formación do conxunto do profesorado que asegure a súa competencia plena para impartir todas as materias e niveis educativos en galego.
- A administración educativa ofertará os materiais e recursos didácticos necesarios en todos os cursos, niveis e materias, módulos e modalidades para o ensino en galego. Así mesmo, informará a nais e pais e responsábeis legais do proceso de normalización no ensino.
- Así mesmo, estabelecerá un programa específico para promover o galego na formación profesional en coordinación coas empresas e elaborará planos de normalización nas Universidades galegas para aumentar o ensino e a investigación en galego.
Novas relacionadas

