A CIG-Ensino apoia á comunidade educativa do CEIP Virxe do Carme de Burela na reclamación da reparación e reforma do CEIP burelés

Esperamos que a Consellaría tome nota e proceda a inmediata reparación e reforma

Asimesmo a CIG denuncia o desleixo da Consellaría de Educación que levou a que o CEIP Virxe do Carme sufrira inundacións nas aulas de educación infantil esta mesma semana, pero recordamos que esta situación se produce pola falta de inversión durante anos por parte da Administración responsable das mesmas.

Como consecuencia da falta de inversións as instalacións do CEIP Virxe do Carme padecen múltiples eivas: o centro dispón de diferentes edificios que non están unidos por pasarelas cubertas, de modo que alumnado e profesorado está sometido ás inclemencias meteorolóxicas cada vez que cambian de edificio; o centro tampouco dispón de acceso para persoas discapacitadas, cun gran número de barreiras arquitectónicas, que impedirían mesmo a entrada de servizos de emerxencias en caso de ser necesario; as fiestras e os illamentos non cumpren a función e permiten o paso de auga de chuvia; os tubos e condutos de desaugue están deteriorados e filtran auga, pero o máis grave é que son de fibrocemento cos conseguintes riscos que isto implica polo seu deterioro e operacións de reparación.

Instamos á Consellaría de Educación a realizar de modo inminente as actuacións necesarias para a reforma integral do CEIP Virxe do Carme, ou mesmo á construción dunhas novas instalacións, e garantir así o dereito do profesorado e da rapazada a impartir e recibir aulas nun centro seguro, digno e funcional.

Volver