A CIG-Ensino anuncia dúas xornadas de folga para o 28 e 29 de outubro se a Consellaría de Educación non rectifica e negocia melloras laborais reais

Os sindicatos convocantes fan un chamamento ao resto de organizacións a que se sumen ás accións de presión para reverter os recortes e avanzar en novos dereitos que redunden na mellora da calidade do ensino público galego.

Despois do éxito da folga docente e da manifestación do pasado 25 de setembro e ante a inacción e o inmobilismo da Xunta, a CIG-Ensino vén de remitirlle un escrito ao conselleiro onde o empraza a abrir unha negociación na que se poñan enriba da mesa as verdadeiras demandas do profesorado galego ou, do contrario, intensificaranse as mobilizacións. Nos próximos días seguirán a realizarse asembleas informativas nos distintos centros de ensino espallados polo territorio para animar ao profesorado a implicarse activamente nestas e noutras accións de protesta.

A mensaxe de fartura e de estar ao límite por parte do profesorado do ensino non universitario galego nas mobilizacións do mes de setembro, nomeadamente na folga do pasado día 25, foi contundente, a máis contundente dos últimos anos. A censura e a ocultación mediática, sobre todo dos medios públicos, e a reacción da Consellaría demostran que é plenamente consciente deste malestar e por iso mesmo o intentou acalar. Foron miles de docentes  quen secundaron a folga e miles quen participaron na manifestación en Compostela. Unhas mobilizacións que chegaron despois de que a Consellaría non rectificara as súas políticas nin fixera ningún movemento para abrir unha negociación de melloras reais tanto a nivel laboral como do ensino público en xeral a comezos de curso, tal e como lle reclamou o sindicato maioritario o día 1 de setembro cando fixo pública a convocatoria. Desde ese momento a administración deu algún paso máis enfocado a neutralizar a manifestación do día 13 e a folga do 25 que a modificar a súa política educativa. Con todo, é preciso poñer en valor algún destes cambios: a instrución de que os centros de infantil e primaria subiran as vacantes existentes o propio día 1 e o inicio dos chamamentos o día 3, a inclusión das vacantes PROA+ cando o ano pasado a día 10 aínda non se sabía que centros terían este programa, a adxudicación antes da manifestación do día 13 de máis de 1000 vacantes, iso si, moitas a media xornada, de mestres e mestras, algunhas froito da presión das Anpas e dos centros ou o adianto no pagamento da nómina ao persoal substituto que comezou a traballar a comezos de curso a respecto doutros anos. Son totalmente insuficientes pero con estes movementos, centrados sobre todo nas etapas de infantil e primaria, a administración intentou contrarrestar as protestas dos centros e das familias pola falta de persoal, sobre todo para atender a diversidade.

Ultimato á Consellaría fronte á súa estratexia de desgaste

Pasada esta situación de tensión, á que nos ten acostumada a administración nos inicios de curso, a súa estratexia, coma sempre, é que as forzas das Anpas e do profesorado vaian a menos e no caso deste último se vexa engulido pola voracidade do traballo diario. Mais, como lembrou a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo na súa comparecencia ante os medios o día da convocatoria da primeira folga “o profesorado do ensino público non aguanta máis e as súas reivindicacións van en serio; se non hai rectificación, non se recuperan dereitos e non se valora o profesorado este será un curso de mobilizacións que non cesarán até conseguir avances”.

É por isto que a CIG-Ensino, coa responsabilidade que supón ser a primeira forza sindical no ensino público, anuncia hoxe a convocatoria de dous días de folga a finais deste mes, os días 28 e 29. As mobilizacións foron consensuadas co sindicato STEG, logo de se ter sumado e participar coa CIG-Ensino na primeira xornada de folga, e teñen como obxectivo forzar á Consellaría a abrir esas negociacións. E así llo fai saber nun escrito remitido ao conselleiro a quen empraza a amosar a súa disposición real a negociar melloras que, cando menos, deben abranguer os seguintes puntos, sen prexuízo de que se aborden outros que non teñen estrito carácter laboral como a situación da nosa lingua no ensino, garantías de liberdade e de respecto no noso traballo ou o Decreto que vai regular a Formación Profesional:

  • Baixada de ratios en todas as etapas educativas a partir do vindeiro curso 26/27.
  • Recuperación do horario lectivo recortado en 2011 (21 horas en primaria e infantil) e en 2012 (18 horas no resto de ensinanzas) tamén a partir do vindeiro curso e fin da discriminación horaria nos CIFP.
  • Medidas concretas que garantan unha correcta atención á diversidade (criterios para a dotación de persoal especialista de PT e AL, incremento do número de orientadores/as nos centros, cómputo como dobre ou triplo do alumnado con necesidades en todas as etapas, autorización de desdobres, PDCs e FP básica en todo o territorio...)
  • Un plan real de eliminación de burocracia que leve aparellado, entre outras medidas, un incremento da dedicación horaria para equipos directivos, coordinacións e titorías.
  • Melloras retributivas: incremento retributivo lineal para todo o profesorado no complemento autonómico que permita recuperar o poder adquisitivo perdido, recuperación do cobro do verán para o persoal substituto que traballe 5 meses e medio e equiparación salarial do PESSFP co resto de profesorado de FP.
  • Redución da xornada laboral a partir dos 55 anos e recuperación das licenzas por formación retribuídas.

A CIG-Ensino desconvocará estas e outras accións que ten previsto levar a cabo nos próximos días se a Consellaría dá pasos veraces que poidan plasmarse nos orzamentos para o vindeiro ano, que se van debater e aprobar no Parlamento galego o próximo mes de decembro. “É por isto a premura de que se inicie canto antes esta negociación”, indican. Así mesmo, fan un chamamento ao resto de organizacións sindicais, en especial ás tres que asinaron o Acordo de Melloras, a que se sumen a estas mobilizacións e defendan a vontade maioritaria do profesorado, tal e como se escenificou o pasado día 25 de setembro. “Lamentamos escoitar falar de vetos precisamente a estes sindicatos. Non houbo nin hai ningún veto, senón o único interese de recuperar dereitos e avanzar noutros que permitan mellorar o ensino público galego. Non hai tampouco imposicións de ningún tipo. Os sindicatos asinantes poden sumarse a unha folga, ao igual que denunciaron o acordo nos tribunais, sabendo que a Xunta non vai modificar as escasas medidas recollidas no mesmo, polo que deben ser claros diante do profesorado e non atribuír as súas propias decisións á CIG-Ensino, que o único que fixo foi atender a demanda maioritaria do profesorado de mobilizarse. Nesta loita non sobra ninguén e está aberta a todo o profesorado e a todos sindicatos, como xa aconteceu o mes pasado. Quen queira sumarse compartindo estes obxectivos comúns, superando as limitacións dun acordo rexeitado pola maioría da representación do profesorado, pode facelo”, conclúen.

Volver