A CIG-Ensino, ante o comunicado feito público polas outras organización sindicais sobre a reunión da Xunta de Persoal da Coruña quere manifestar o seguinte:

Maio 2016

O día 4 de maio tivo lugar unha reunión da Xunta de Persoal Docente da Coruña. Na orde do día recollíanse 27 resolucións para debater e aprobar, 12 presentadas pola CIG-Ensino. A última (nº 27) facía referencia ás acusacións públicas feitas polas outras organizacións sindicais en contra do presidente da xunta de persoal.

Dos 45 membros que compoñen a dita xunta de persoal, asistiron 38 (22 da CIG-Ensino, 3 de CCOO, 3 de UGT, 4 STEG, 4 ANPE, 2 CSI-F). Unha vez asinada a asistencia e comprobado que estaban en minoría, as outras organizacións sindicais interviñeron para exixir a retirada da proposta de resolución número 27, presentada pola CIG, baixo o pretexto de que as “liortas internas” deberían dirimirse noutros ámbitos, do contrario abandonarían a reunión.


A CIG-Ensino amosou a súa disposición a retirala, sempre e cando os sindicatos que denunciaron publica e falsamente o presidente da xunta de persoal rectificasen, tamén, publicamente as acusacións infundadas. Como non estiveron dispostos a rectificar, levantáronse e abandonaron o pleno, sen nin sequera defender  as resolucións  presentadas  por eles mesmos, amosando así unha total desconsideración polo órgano de representación do profesorado


É preocupante que estas organizacións sindicais estivesen dispostas a denigrar publicamente o presidente da xunta de persoal con falsas acusacións e despois pretendesen chantaxear o órgano de representación do profesorado para non sacar unha resolución que aclarase o acontecido.


Non poden afirmar que a xunta de persoal non é o lugar para tratar estes temas, cando eles non tiveron reparo en levalo á permanente deste órgano e mesmamente trasladarllo ao xefe territorial. Trátase de tirar a pedra e agachar a man.


As 12 resolucións non foron aprobadas unilateralmente pola CIG-Ensino como se afirma, senón polo pleno da xunta de persoal que representa o profesorado da provincia da Coruña. De aí a irresponsabilidade destas organizacións ,marchando da reunión coa pretensión de frustrar o debate e a aprobación de resolucións de máxima importancia para o ensino e para os e as docentes.


Resolucións aprobadas:

  • Paralización  e derrogación  da LOMCE.
  • Mellora  no proceso  de negociación  de vacantes.
  • Denuncia  do enchufismo   da Consellaría  de Educación.
  • Oferta  de todas  as vacantes  existentes   no CXT.
  • Dotación  de persoal  administrativo necesario.
  • Instrucións de acceso do alumnado  aos ciclos superiores  de FP.
  • Pagamento  de oficio  da paga extra  do ano 2013.
  • Rexeitamento   das reválidas.
  • Falta de planificación educativa  no concello  de Culleredo.  
  • Eliminación da materia de Relixión.
  • Avaliación  de riscos en materia  laboral. 
  • Rexeitamento ás acusacións  feitas  contra  o presidente  da Xunta  de Persoal.

Volver