A CIG-Ensino anima as traballadoras do primeiro ciclo de infantil das escolas privadas ou de xestión indirecta a reivindicar un convenio xusto desde os centros de traballo

Para hoxe están convocadas accións de protesta portando faixas, camisetas, cartaces... e a súa visibilización e difusión a través de imaxes en internet

Comeza un mes intenso de mobilizacións para conseguir presionar ás patronais do sector de cara á vindeira mesa de negociación do 18 de decembro despois de máis de un ano e medio sen ningún avance para chegar a un acordo de cara ao novo convenio colectivo.

Ao longo do día de hoxe o persoal das escolas infantís da etapa 0 a 3 anos está convocado a amosar as súas reivindicacións tanto laborais e salariais desde os propios centros de traballo. Tal e como se puido comprobar nas 5 xornadas de folga que levaron a cabo ao longo deste ano, non é de recibo que traballadoras cunha altísima responsabilidade social e laboral teñan salarios maioritariamente por debaixo do SMI, non teñan apenas dereitos para a conciliación familiar e a proposta que as patronais puxeron enriba da mesa na última mesa de negociación aínda lles vaia supoñer un empeoramento, limitándose exclusivamente a incorporar unha leve suba salarial.

Desde a CIG-Ensino animamos as traballadoras deste sector a manter a tensión e a actitude reivindicativa e ao longo do día subirá as imaxes que lle vaian chegando tanto á súa páxina web como ás súas redes sociais.

Volver