A CIG-Ensino anima aos centros educativos a sumarse a denunciar o xenocidio en Gaza

O sindicato chama tamén a participar nas concentracións que o vindeiro luns se repetirán en varias localidades galegas, así como na manifestación nacional convocada para o 5 de outubro para seguir amosando a repulsa da comunidade educativa

Como docentes temos a inmensa responsabilidade non só de explicar a historia senón de contribuír a facela máis xusta. Nestes intres, despois de que Israel asasinara a máis de 65.000 persoas e a ONU veña de ditaminar que o que está cometendo é un xenocidio contra o pobo palestino, os centros educativos galegos teñen que ser un axente máis de visibilización e denuncia deste masacre. A CIG-Ensino facilita unha serie de material gráfico para empregar ou ben fisicamente ou de forma dixital para amosar a condena da comunidade educativa galega contra esta barbarie.

“Neste centro non pechamos os ollos ante o xenocidio. A historia é hoxe”. Este é o lema dunha imaxe que a CIG-Ensino distribúe entre os centros educativos galegos para o seu uso en taboleiros, corredores, portas... e tamén no mundo virtual. O sindicato maioritario no ensino público denunciou desde o primeiro momento que o que estaba acontecendo en Gaza non se trataba dunha guerra ou conflito entre dúas partes, senón que Israel estaba aproveitando para exterminar o pobo palestino e quedarse co seu territorio usando como escusa os atentados de Hamás en outubro de 2023. O tempo lamentabelmente deunos a razón a todas as entidades que condenamos con contundencia os plans do sionismo e do goberno ultra de Netanyahu e nestes intres atopámonos cunha vaga de solidariedade e de presión internacional protagonizada pola poboación civil fronte á complicidade de algúns gobernos e á inoperancia e á indiferencia da maioría.

É por isto que a CIG-Ensino considera que, ao tempo que explicamos a historia e traballamos con cuestións de actualidade nas nosas aulas, como docentes temos tamén a responsabilidade de contribuír a facer que esta historia mude no presente. De aí que se escollera un lema que combate frontalmente a indiferencia, “indicando que nin pechamos os ollos nin miramos para outro lado. A historia é hoxe, e a posibilidade de cambiala tamén. Trátase de vidas humanas e non se pode agardar nin un minuto máis”. Despois de empregar todas as técnicas posíbeis para matar, desde os drons de última tecnoloxía até a fame inducida, a impunidade coa que o goberno de Israel segue a actuar, e quen son cómplices, están permitindo que complete o seu plan de ocupación total da Franxa de Gaza.

Así pois, desde a CIG-Ensino animamos ao profesorado a que empregue estas imaxes ou outras semellantes para visibilizar e denunciar o xenocidio do pobo palestino entre o alumnado, as familias e o resto de persoas coas que ten relación na súa calidade de persoal docente.

Mobilizacións convocadas por Solidariedade Galega con Palestina

A maiores desta acción de protesta no ámbito educativo, a CIG tamén chama a participar masivamente nas mobilizacións previstas proximamente para amosar o rexeitamento unánime tanto ás accións de Israel como á actitude da maioría dos gobernos e da UE en particular. A próxima cita será, como é habitual, o luns 22 con concentracións en 42 localidades galegas.

Ademais, para o 5 de outubro está prevista unha gran manifestación nacional en Compostela baixo o lema “2 anos de xenocidio e 77 de ocupación”. A marcha, que sairá ás 12 da Alameda, pretende amosar a solidariedade galega co pobo palestino, que vén de sufrir desprazamentos e a ocupación sistemática do seu territorio durante os últimos 77 anos pero que está sendo literalmente masacrado nos últimos dous, con asasinatos indiscriminados de poboación civil de todas as idades, entre os que se contan milleiros de nenos e nenas.

Volver