
A CIG-Ensino anima a festexar o Día de Rosalía
Desde a CIG-Ensino seguiremos insistindo en que o 24 de febreiro se inclúa como unha conmemoración centrada no recoñecemento e difusión da autora
Este firme convencemento é o que nos move ano a ano a demandar, durante a negociación do calendario escolar, a inclusión do Día de Rosalía na relación de datas a celebrar polos centros escolares, unha reivindicación para a que o ano pasado recadamos o apoio dos claustros.
Por este motivo, vimos apoiando tamén a iniciativa da Asociación de Escritoras e escritores en Lingua Galega, AELG, que propón celebrar a data agasallando un libro en galego e unha flor, que envía propostas para pór en práctica co alumnado e que realiza lecturas públicas en diferentes vilas e cidades, propostas todas ás que vos convidamos a que vos sumedes.
Desde a CIG-Ensino seguiremos insistindo en que o 24 de febreiro se inclúa como unha conmemoración centrada no recoñecemento e difusión da autora que simboliza o Rexurdimento da nosa lingua e a nosa literatura. Os desprezos manifestos da Consellaría non nos farán calar e seguiremos a sinalar os seus prexuízos e o seu autoodio.
Ao mesmo tempo queremos darvos os parabéns aos centros e bibliotecas escolares que con tanto traballo, imaxinación e ánimo estades a celebrar xa esta data fulcral da nosa cultura.
Feliz día de Rosalía.