
A CIG-Ensino amosa a súa solidariedade co IES As Lagoas de Ourense e anima a participar nunha concentración na defensa da dignidade do seu profesorado
O acto de protesta terá lugar o vindeiro mércores 12 de marzo diante da Dirección Territorial de Educación en Ourense

O pasado 24 de febreiro o exterior do IES As Lagoas da cidade de Ourense apareceu cheo de panfletos a modo de nota necrolóxica co lema “derecho a aprender matemáticas” expostos no exterior do centro, nas árbores, na beirarrúa e incluso en coches aparcados fronte ao centro de ensino. Nese mesmo día houbo unha gran difusión nas redes sociais e medios de comunicación desta forma na que espertaba o centro e arredores.
Posteriormente, o día 26 produciuse unha concentración por parte dalgunhas familias na entrada do centro orquestrando actuacións contra unha docente e a dirección do centro, difundindo tamén en redes sociais e medios de comunicación informacións totalmente falsas.
A orixe do conflito está na desconformidade dunha familia, que lidera as protestas, sobre as cualificacións do seu fillo na materia de Matemáticas e a maneira de dar aulas da profesora.
Hai vías regulamentadas para reclamar; as formas mafiosas non se poden tolerar
Non podemos tolerar as formas mafiosas para resolver cuestións académicas que teñen vías perfectamente estabelecidas na normativa e que se seguiron en todo momento pero que neste caso non se queren respectar por non colmar os intereses particulares de quen difire das actuación do profesorado, a dirección e a inspección do centro.
A persoa que lidera as protestas, funcionaria pública da policía nacional, pretende satisfacer os seus obxectivos amedrentando o profesorado coa ameaza pública e a difamación gratuíta. Por outro lado, vendo as difamacións previas e os actos dirixidos por esta familia non é de recibo que acudan a unha reunión do centro educativo do seu fillo co uniforme da policía nacional.
Estamos ante o linchamento público dunha docente, polo que desde a CIG-Ensino expresamos unha defensa inequívoca do profesorado do centro e en particular da docente acosada coa convicción de que o ensino público, libre de coaccións de todo tipo, é a mellor garantía da escola plural, xusta e democrática, sendo o funcionariado docente un dos piares nos que se sustenta esa anhelada igualdade de oportunidades.
Calquera desconformidade cunha nota ou con calquera aspecto curricular dunha materia teñen un itinerario de reclamación que pasa pola titoría, o centro e a inspección educativa. As familias teñen todas as vías para velar polos seus dereitos. A coacción ao profesorado é inadmisíbel e non é un exemplo para o alumnado.
A Consellaría non pode mirar cara a outro lado
Exiximos da Consellaría que se involucre na solución deste caso gravísimo contra unha docente, unha dirección e un centro educativo, que podería ser contra calquera compañeira ou compañeiro que hoxe ten que facer fronte a unha innegábel falta de confianza e o cuestionamento constante do seu traballo. A Consellaría de Educación non pode ignorar e deixar de actuar ante a desprotección do colectivo docente, ante actuacións totalmente inadmisíbeis como as acontecidas no IES As Lagoas.
Para reclamar esta esixencia, a dignificación da nosa profesión e pola dignidade do profesorado, a CIG-Ensino anima a participar na concentración que, convocada pola Xunta de Persoal Docente de Ourense, se levará a cabo o vindeiro mércores día 12 de marzo ás 19:00 horas, na rúa Concello, diante da Dirección Territorial de Educación.