A CIG-Ensino alerta do incremento dos discursos contra o feminismo nas aulas e acusa á Consellaría de frear a aprobación do Plan de igualdade e do Protocolo de Acoso

No Encontro Nacional de Mulleres que reuniu a preto de 300 delegadas da CIG denunciouse a violencia institucional que sofren as mulleres e púxose o foco nos principais conflitos laborais que nestes momentos teñen como protagonistas sectores feminizados.

Entre outros sectores tomaron a palabra traballadoras do SAF, dos centros de atención á discapacidade, do ensino público e da sanidade pública que coincidiron en que son múltiples as violencias que padecen as mulleres no día a día, desde a violencia laboral, sexual, institucional até a violencia médica. No ámbito do ensino, a secretaria das Mulleres, Maruxa Martínez, referiuse ao reto que ten o persoal docente para educar nun contexto reaccionario amplificado polas mensaxes negacionistas da violencia de xénero nas redes sociais e pola irresponsabilidade da Consellaría de Educación de intentar impoñer a censura para traballar a igualdade nos centros educativos mediante as instrucións sobre a "neutralidade ideolóxica".

Despois de anos denunciando os comportamentos machistas que sosteñen o sistema económico e social, artellando propostas para que os poderes públicos incorporen de maneira transversal a perspectiva de xénero tanto na análise das causas da violencia machista como nas posíbeis solucións, neste 25 de Novembro, a secretaría das Mulleres da CIG acusa directamente ao PP no Goberno da Xunta de Galiza como responsábel e cómplice da violencia institucional.

É por isto que trescentas delegadas da CIG déronse cita na Facultade de Políticas en Compostela para abordar os diferentes tipos de violencia que sofren nos distintos sectores e ámbitos da súa vida para marchar posteriormente até a sede do Partido Popular en Compostela co fin de denunciar que o desmantelamento das políticas de igualdade e a tolerancia de condutas machistas desde o poder que ostenta o PP, transmiten mensaxes perigosas que normalizan a violencia e deixan as mulleres máis desprotexidas.

A secretaria confederal das Mulleres, Margarida Corral, puxo o acento na hipocrisía das campañas institucionais arredor de datas como o 25 de novembro que chocan de fronte con comportamentos como o do presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda,  que “amparou publicamente a un conselleiro que se veu obrigado a dimitir tras ser acusado de cometer unha agresión sexual”. 

Mais tamén é violencia institucional, salientou a secretaria das mulleres da CIG, o modelo de servizos sociais aplicado pola Xunta de Galiza, coa conselleira Fabiola García como “máxima responsábel da situación de precariedade, pobreza laboral e infravaloración dos traballos profesionais de coidados e atención ás persoas”. Corral foi especialmente crítica co desleixo do Goberno galego nestes sectores maoritariamente feminizados e denunciou que a pesar de transcorrer xa catro meses do asasinato da compañeira Teresa no SAF do Porriño, a día de hoxe o servizo de axuda no fogar segue sen un protocolo efectivo que evite o risco grave e inminente para as traballadoras. 

Ao tempo denunciou a apropiación ilexítima da figura de Rosalía de Castro por parte do Partido Popular: “mágoa que non se inspiraran nela para exercer de Mulleres en liberdade: nin caladas nin submisas como ousaron afirmar no seu lema do 25N para condenar o conselleiro e o arroupe por parte de Rueda”.

O persoal docente contra os discursos negacionistas e os intentos de censura ideolóxica

No Encontro Nacional de Mulleres alzaron a voz delegadas da CIG-Ensino en representación dos sectores que teñen nestes intres conflitos laborais abertos e que están claramente feminizados, como o Servizo de Axuda no Fogar, a atención ás persoas con discapacidade, o ensino público ou o ámbito da sanidade. Neste sentido, a responsábel de Mulleres e Igualdade da federación de Ensino, Maruxa Martínez fixo unha pequena introdución sobre "o reto que enfrontamos como profesionais e como sociedade na actualidade, onde como consecuencia dos discursos reaccionarios contra o feminismo, fundamentalmente en redes sociais, comezamos a percibir certa resistencia dunha parte do alumnado e incluso dalgunha familia a traballar a igualdade de xénero nos centros". Fixo referencia a unha enquisa realizada o pasado curso a 400 estudantes galegos varóns que non pertencen ao colectivo LGTBI dos cales o 62% opina que "a loita pola igualdade é excesiva e que son os homes os que están discriminados" mentres que o 30% afirma que "a violencia non ten xénero".

Recordou que como cada curso a CIG-Ensino vén de publicar material para traballar nas aulas arredor do 25 de novembro dirixidas ás etapas de infantil, primaria e secundaria e a irresponsabilidade da administración introducindo neste contexto a “neutralidade ideolóxica” nas instrucións de inicio de curso co que intenta censurar a realización de actividades precisamente para traballar a igualdade nas aulas.

Destacou tamén na súa intervención a urxencia que para o profesorado ten o protocolo de acoso e o desinterese por parte da Consellaría de Educación, que nun ano e medio de negociación do plan de igualdade só avanzaron as definicións dos tipos de acoso. Por este motivo as delegadas do ensino concentráronse ao final do encontro para reclamar que o plan avance e exixir que o protocolo sexa unha prioridade na negociación.

Persecución laboral por ser da CIG e por ser muller

Pola súa banda, Sandra Sevilla, delegada da CIG en Amicos, asociación que traballa con persoas con discapacidade na comarca do Barbanza, relatou a persecución e o acoso ao que se ve sometida tanto ela como a outra delegada do sindicato nacionalista desde que se presentaron ás eleccións sindicais. Na súa intervención describiu o terror laboral que se vive nesta empresa, con máis de 20 despedimentos e 30 baixas voluntarias nos últimos dous anos. Entre as causas de despido, a maioría deles improcedentes, figura "a falta de confianza" que é un eufemismo que emprega a empresa para castigar calquera crítica á xerencia ou calquera intento de reivindicar os dereitos laborais que como traballadoras teñen.

Sevilla relatou como foi denunciada en varias ocasións, a última delas por acoso a varias encargadas, e cuxo xuízo se saldou coa súa absolución. Incidiu en que leva dous anos apartada e castigada por intentar realizar labores sindicais e que esta persecución está avalada polo presidente do comité de empresa de UGT. O seu é un claro exemplo de discriminación e intimidación laboral pola súa dobre vertente como sindicalista da CIG e como muller.

Volver