A CIG-Ensino alerta de que a redución horaria non está garantida e denuncia que o texto empeorou a respecto do inicialmente negociado
O proxecto de Lei depende agora da aritmética parlamentaria, na que pode sufrir atrasos, emendas ou mesmo decaer se non reúne apoios suficientes
A CIG-Ensino chama a non xerar falsas expectativas xa que a aprobación hoxe no Consello de Ministros da chamada Lei de mellora das condicións para o desempeño da docencia non resolve nada por si só.
Tras a paso dado polo Goberno o texto remitirase ás Cortes, polo que o proceso non fai máis que entrar nunha nova fase: a parlamentaria. Será no Congreso e posteriormente no Senado onde se verá se esta norma sae adiante, con que contido e en que prazos. Só despois de completar todo ese percorrido poderá converterse en Lei e publicarse no BOE.
A situación parlamentaria, ademais, pode facer que esta lei nin sequera chegue a aprobarse xa que o Goberno non ten garantidos os apoios necesarios. Non se trata, pois, dun trámite automático. De feito, nesta mesma lexislatura xa vimos como varias iniciativas do Executivo decaeron e ese precedente deixa claro que, sen unha maioría suficiente, tamén esta norma pode ser atrasada, modificada durante a tramitación ou directamente bloqueada antes de converterse en Lei.
A este respecto será interesante comprobar cal vai ser a posición do PP, tanto no sentido do seu voto como nunha posíbel estratexia de ralentización dos trámites de debate e votación no Senado, onde xa ten demostrado en moitas ocasións como facer uso dunha institución para obstaculizar a aprobación dunha norma que, no caso de saír rexeitada pola maioría absoluta do PP no Senado, debería voltar ao Congreso, procurando poñer paus nas rodas para a súa entrada en vigor para o próximo curso.
Un texto peor do negociado e insuficiente para recuperar dereitos
A situación é aínda máis grave porque o texto que chega a esta fase empeorou con respecto ao que saíra dos grupos de traballo do Ministerio e do Consello Escolar do Estado. A CIG-Ensino xa denunciou que, tras o paso pola Conferencia Sectorial e a volta á Mesa Docente estatal, o documento incorporou dúas novidades especialmente negativas: por unha banda, deixa a dotación de recursos para a atención ao alumnado con necesidades educativas especiais condicionada á dispoñibilidade orzamentaria; por outra, introduce para a Formación Profesional a chamada distribución irregular da xornada lectiva, abrindo a porta a que se poidan superar en determinados momentos do curso incluso as 20 horas lectivas.
O sindicato xa deixou claro na Mesa Docente Estatal a súa posición en canto ao texto do Proxecto de Lei e a reivindicación en canto ao horario segue a ser clara: volver ás 21 horas lectivas en Infantil, Primaria e Educación Especial e ás 18 horas nas restantes ensinanzas.
A inacción da Consellaría fronte ás demandas do profesorado
A CIG-Ensino lamenta tamén que as poucas melloras que poderían chegar para o profesorado no vindeiro curso, e sempre condicionadas a que a Lei sexa finalmente aprobada, veñan pola iniciativa do Ministerio e non pola vontade da Consellaría. A normativa básica estatal fixa topes, pero as comunidades autónomas teñen capacidade para mellorar as condicións laborais do profesorado e reducir os horarios por baixo deses máximos. En vez diso, o Goberno galego continúa sen dar resposta ás reivindicacións do profesorado malia as mobilizacións e xornadas de folga desenvolvidas neste curso.
Por iso, a CIG-Ensino continuará esixindo da Consellaría que exerza dunha vez as súas responsabilidades. A folga convocada para o vindeiro martes 28 de abril será unha nova ocasión para demostrar que o profesorado galego está farto do deterioro das súas condicións de traballo e que reclama medidas inmediatas porque o paso de hoxe nin resolve nada nin pode servir de escusa para seguir sen tocar horarios e ratios no país.
Novas relacionadas

