A CIG-Ensino advirte que o novo Decreto galego de FP implicará redución de profesorado e un empeoramento das condicións laborais e da formación do alumnado

Un decreto peor para unha Lei xa de por si pésima. Esta é a conclusión do principal sindicato do ensino público que entende que nun momento de auxe da FP esta norma vai supoñer o impensábel: que se reduzan docentes e que se “secundaricen estas ensinanzas

Na Mesa Sectorial na que se debateu o borrador, o sindicato nacionalista presentou moitas achegas co fin de que estas ensinanzas non perdan o prestixio e a calidade que acadaran, pediu que se retiraran algúns artigos, nomeadamente o que recolle a creación da figura do profesorado asociado por parte da Xunta de Galiza, que se concrete a regulamentación no relativo á formación na empresa e que se convoque unha nova mesa para negociar.

A CIG-Ensino considera que o novo Decreto de FP que adapta a Galiza a Lei Orgánica de FP e o RD 659/2023 supón un “ataque directo ao profesorado” porque nun contexto de fomento destas ensinanzas a súa aplicación suporá “que se reduza o persoal docente e que empeoren ostensibelmente as súas condicións de traballo”. A aposta por incrementar o inglés desde as 50 horas do currículo básico estatal ás 120 que introduce a Consellaría en todos os CM e CS e a decisión de condensar as 500 horas obrigatorias de formación na empresa en CM e CS no segundo curso que supón unha redución da carga horaria dos módulos profesionais a só 1.113 horas (das 2.000 horas totais) no centro educativo van implicar que sobre profesorado das familias profesionais, sobre todo persoal interino e substituto.  

Para evitar este recorte é máis necesario ca nunca equiparar a duración das sesións entre CIFPs e IES e volver ás 18 horas lectivas semanais. 
Secundarización da FP a base de despedazala

Trocear os currículos dos ciclos en tantos módulos, moitos deles sobrantes impostos a cambio dos fondos Next Generation, pero outros pola especial insidia da Consellaría, implica que as condicións laborais do profesorado de FP cada vez se parezan máis a Secundaria “no mal sentido”. A partir do ano que vén a maioría dará entre 6-7 módulos mínimo, co conseguinte cambio que isto significa en canto a número de alumnado atendido de grupos diferentes pero sobre todo de perda de afondamento nos contidos que se impartan. Tal e como lembrou a CIG-Ensino na súa intervención, “nos módulos profesionais son necesarias dúas ou tres horas de clase seguidas para adquirir correctamente as competencias máis prácticas. Isto nalgúns casos vai ser imposíbel a partir de agora pola redución horaria dos módulos. E máis coa redución en modular, que habería que plantexarse que sentido ten aplicar a porcentaxe do 48% de carga horaria de módulos de segundo na formación na empresa cando no plan formativo individual debera haber flexibilidade para adaptar á realidade as estadías formativas que se fagan. Haberá unha diferencia entre o mesmo módulo en ordinario, que pode ter unha carga lectiva de 7 sesións a 5 en modular, sobre todo nos CIFP polo redondeo posterior das sesións a 60 min. Quedarán módulos profesionais con 2-3 sesións semanais en modular. Que se vai impartir nese tempo nunha ensinanza competencial?”.

A CIG-Ensino solicitou que non se dualicen determinados módulos (IPE II e Habilidades comunicativas en linguas estranxeiras -agás excepcións- nin Afondamento nas competencias profesionais) e que non se reduzan máis horas dos módulos profesionais, dado que actualmente xa se viñan impartindo máis horas das estabelecidas nos currículos. O profesorado de FOL e de Inglés poderán ter até 8-9 grupos diferentes con unha hora semanal no caso dos módulos de segundo na oferta modular, o que lles impedirá unha mínima especialización nos sectores produtivos e nas áreas profesionais de cada ciclo. 

A respecto disto a Consellaría respondeu que nas instrucións que se publicarán a vindeira semana intentarán que haxa un criterio para que todos os centros, sobre todo os CIFPs, teñan a mesma carga horaria nestes módulos.

Anulación da creación da figura do profesorado asociado

A gran novidade da figura do profesorado-investigador ou profesorado-asociado, vendida por Rueda, resúmese para a CIG en fomentar -ao contrario que na Universidade que este perfil é do máis precarizado-, "a figura do catedrático ou catedrática na FP sen proceso selectivo". Para o sindicato nacionalista "retórcese o artigo 211 do RD estatal para crear algo que nin sequera o propio Ministerio planificou, o que evidencia que a Consellaría quere converter a FP no retiro dourado das amizades que ten nas empresas e nun contexto para devolver favores". O sindicato solicitou a retirada do artigo 49 e non botar man das figuras de persoa experta do sector produtivo nin persoa experta sénior de empresa, tal e como se recolle no borrador. Para a CIG-Ensino teñen que seguir operando as listaxes de substitucións, tal e como funcionan actualmente, e optar por solucións como a non esixencia puntual da formación pedagóxica artellada pola Dirección Xeral de RRHH naquelas especialidades nas que é máis complicado atopar persoal, como son nestes momentos as das familias profesionais de Electricidade e Electrónica e Informática e Comunicacións. "Os procesos de acceso á función pública docente teñen que seguir cumprindo os principios de igualdade e transparencia", defenderon.

"Hai que pensar que mensaxe se lle está enviando ao profesorado do ensino público ao que non se lle permite a compatibilidade laboral sen detraer o complemento específico, pero si a estas persoas que veñan de fóra, tanto ao profesorado asociado como ás persoas expertas do sector produtivo como ás sénior de empresa co que isto vai significar de problemas de convivencia nos centros. Ademais non teñen que ter sequera titulacións afín á especialidade nin formación pedagóxica", lembrou a responsábel de FP, Montse Pernas, á vez que salientou que "a CIG-Ensino está totalmente en contra da contratación a dedo por parte das direccións dos centros educativos destes profesionais alleos. . Todo isto será mirado con lupa e denunciado por todas as vías posíbeis por parte do sindicato, dado que xa se podía recorrer a profesorado especialista nestes intres mediante procedemento público de apertura de listaxes cun baremo determinado".

Ademais, a CIG-Ensino considera un insulto que se introduza no borrador do Decreto que o profesorado asociado “serán profesionais de recoñecido prestixio e que prestan servizo en empresas de importancia significativa” como se o persoal docente do sector público “non conte con ese prestixio”. Ademais, lembrou que o seu cometido será impartir clase nos graos E e cursos de alta especialización, nos que a diversidade do alumnado non acostuma a ser un problema, sen ter que pelexarse coas programacións, con Educalidade, con burocracia absurda, con gardas... Mentres tanto, a Formación Profesional “de segunda categoría”, a FP básica, as formacións aceleradas, a acreditación de competencias, os certificados profesionais... xunto co papeleo todo, iso si agora en formato dixital, corresponderalle ao profesorado que accedeu por procedementos públicos despois de formarse especificamente para impartir docencia.

Na súa resposta a esta crítica, a Directora Xeral de FP volveu defender a existencia da figura do profesorado asociado e comprometeuse a estudar como se podería recorrer ao persoal experto, a través de bolsas específicas ou doutro sistema.

Ciclos plurilingües e incidencia nas peticións do CADP de prazas con inglés

Outra das cuestións que plantexou a CIG-Ensino foi a intención da Consellaría de Educación de fomentar a creación de prazas bilingües para obter fondos europeos aínda sen importarlle a verdadeira formación en inglés do alumnado. Neste sentido, lembrou que en setembro de 2024 o obxectivo da Consellaría era crear 3.750 prazas bilingües (máis que prazas ordinarias) para obter máis de 10 millóns de euros e q, de cara ao próximo curso, están favorecendo que se poida certificar como plurilingüe un ciclo con só 180 horas impartidas en inglés, é dicir, coas 120 horas dos módulos que van ter todos os ciclos nesta lingua e as 60 que suman os módulos de Dixitalización e Sostibilidade.  

A directora xeral recoñeceu que isto é posíbel "por normativa estatal" e que a intención do seu departamento é favorecer "esa certificación". Con todo, a Resolución do 16 de maio da propia DX de FP non daba a entender que os módulos transversais, ou de competencias básicas como se denominan actualmente, serviran para este cometido, dado que se fala de "módulos profesionais":

  • Grao medio e superior sempre que se impartan cando menos 120 horas de formación en idioma estranxeiro e dous módulos profesionais a maiores.
  • Grao básico sempre que se impartan cando menos dous módulos profesionais en idioma estranxeiro.
  • CE sempre que se imparta cando menos un módulo profesional en lingua estranxeira.

Á CIG-Ensino preocúpalle especialmente a incidencia que vai ter a proliferación de ciclos plurilingües coa impartición destes módulos en inglés a efectos de petición das vacantes no CADP por parte dos centros, dado que que teñen que saír como bilingües. Neste sentido, informa ao profesorado que teña o B2 que ten que pedir un centro ou localidade sen perfil lingüístico e a continuación repetir a petición con perfil bilingüe se está disposto a impartir módulos da familia profesional en inglés. Ademais, no caso de ter que completar horario impartindo o módulo Inglés profesional I que ten atribución docente preferente para o Profesorado de Secundaria debe poñer tamén como afín esta lingua estranxeira.

O sindicato nacionalista considera "desmesurada a obsesión da Dirección Xeral de FP co inglés", cando este se pode adquirir fóra do contido dos ciclos ou ben como complemento formativo á marxe das 2000 horas ou ben a través da rede de EOIs que agora ademais teñen oferta semipresencial e a distancia. Así mesmo, aféalle que nin sequera respondera á súa proposta de incorporar tamén como complemento formativo un módulo de lingua galega, á marxe das 2000 horas, tanto en CM como en CS para permitir que o alumnado que curse este itinerario completo poida acceder ao Celga 4. Un título que nalgúns casos é requisito para as saídas profesionais que se van ter ao rematar os estudos, como no caso dos ciclos sanitarios para poder traballar no SERGAS.

Novidades co sistema de programación PROENS

No decurso da Mesa Sectorial a CIG-Ensino tamén preguntou pola implantación de PROENS o vindeiro curso para a elaboración das programacións de FP. Responsábeis da administración explicaron que a actual aplicación non permite facer as adaptacións á nova normativa e que haberá flexibilidade absoluta para os prazos de entrega. Porén, non se van poder recuperar as xa existentes senón que haberá que elaboralas desde cero. Poderase, iso si, consultar o seu contido.

A directora xeral de FP avanzou que esperan que a semana que vén estean publicadas na web da Consellaría as Instrucións tanto para o desenvolvemento dos graos D e E como as propias Instrucións de desenvolvemento destas ensinanzas para o vindeiro curso, xunto cunha guía que intente resolver as cuestións plantexadas pola CIG-Ensino a respecto da redución da carga horaria dos módulos de segundo curso na oferta modular e como van quedar os ámbitos de segundo curso na FP básica.

Por último, comprometeuse a convocar grupos de traballo para a actualización dos currículos e a súa adaptación ao ámbito galego.

Pódese consultar a intervención da CIG-Ensino completa nesta ligazón.

Volver