A CIG-Ensino acusa ao conselleiro de mentir e denuncia que a oferta de emprego público docente é a peor dos últimos sete anos

Con respecto ás prazas convocadas para a atención á diversidade (especialidades de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e Orientación) é a segunda peor oferta neste período de tempo.

O sindicato alerta ademais de que “se está xogando co profesorado por meros cálculos políticos” no que ten que ver co anuncio de “avanzar na negociación” da recuperación horaria do profesorado de Secundaria á espera do que acontece no Parlamento español co Anteproxecto de Lei do Ministerio que regula esta cuestión e a baixada de ratios. Con respecto ás “negociacións” á marxe da Mesa Sectorial docente avanza que vai analizar coa súa asesoría xurídica se se está a vulnerar a lei de representación sindical dado que este é o único órgano habilitado para tratar as condicións laborais docentes “por moito que a Consellaría o queira suplantar con sucedáneos”.

Nunha comparecencia ante os medios de comunicación a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, detallou as prazas convocadas nas oposicións docentes nos últimos sete anos para demostrar “unha vez máis que o conselleiro de Educación mente e manipula sen rubor porque como se pode comprobar a deste ano é a peor oferta pública docente desde 2018, con apenas 1.388 prazas da quenda libre convocadas (sen contar as de discapacidade e de promoción interna), moi lonxe das 2.276 do ano 2020 por exemplo. A tendencia é claramente descendente neste período de tempo, o que choca cos anuncios triunfalistas e propagandísticos do conselleiro. “De ser certo que a Consellaría ten intención de implementar a recuperación horaria do profesorado de Secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial -engade-, isto tiña que notarse tanto na convocatoria de prazas para as oposicións como nas vacantes que se van convocar no concurso de traslados para funcionariado de carreira. Nin unha cifra nin outra demostra que a Consellaría teña intención de incrementar os cadros de persoal destas ensinanzas”. 

Tamén no que ten a ver coa atención á diversidade hai un abismo entre a versión oficial e a realidade, dado que neste mesmo período a deste ano é a segunda peor oferta. “Se contamos as prazas libres convocadas nas especialidades de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe no corpo de mestras e de Orientación no corpo de Secundaria suman só 151, a metade das que se convocaron en 2020 e tan só lixeiramente por riba das 108 do ano pasado. O resto de anos superaron sempre as 200”, explica.

 

Falta de negociación e risco real de que queden moitas prazas desertas

Arroxo amosouse moi crítica coa Consellaría de Educación porque “despreza a representación do profesorado unha e outra vez”. Mentres que os detalles da OPE de 2026 foron presentados publicamente até catro veces por Rueda e Rodríguez, o único contraste coas organizacións sindicais terá lugar mañá na Mesa Sectorial con borradores tanto da oferta como da convocatoria das oposicións totalmente pechados e que dada a premura do tempo, apenas 4 meses antes da celebración das oposicións, lle serve como escusa á Consellaría para non aceptar practicamente ningún cambio. “Isto non é negociación, é imposición”, incidiu á vez que explicou que “o persoal opositor envía achegas a estes borradores que serán presentadas mañá polos sindicatos obtendo un non por resposta a todo. Ese é o modus operandi desta Consellaría cada vez máis refractaria a negociar nun tema no que a CIG-Ensino leva pedindo desde o primeiro trimestre unha mesa sectorial monográfica para evitar a elevada porcentaxe de prazas desertas que se producen convocatoria tras convocatoria (un 33% sobre o total en 2025). Na oferta deste ano, por exemplo, hai un total de 370 prazas (157 da quenda de discapacidade e 213 de promoción interna, é dicir, de mestras que opten a pasar a secundaria e FP) das que se pode aventurar que máis do 80% quedarán sen cubrir. Isto pasa por inflar a convocatoria artificialmente, fundamentalmente coas de cambio de corpo A2 a A1, para vender de cara á galería un número de prazas que finalmente é moito menor. A única solución é cambiar a normativa para que estas últimas se poidan acumular na quenda libre e desde logo convocar máis nesta modalidade”.

Os acordos á marxe da Mesa Sectorial no punto de mira xurídico

Arroxo tamén se referiu ao anuncio do pasado venres da sinatura entre a Consellaría e catro organizacións “que todas xuntas teñen menos votos e representación en número de delegados que a CIG-Ensino” dunha addenda ao acordo de melloras de 2023 para avanzar na negociación da recuperación das 18 horas lectivas que desde sempre tivo o profesorado de secundaria até o ano 2012. Para o sindicato maioritario “esta medida, aínda que non concrete nada, non pode emanar dunha comisión de seguimento porque excede o marco dese acordo e, ao afectar ás condicións laborais docentes, ten que negociarse na Mesa Sectorial. Xa pasou o mesmo co anuncio de que o persoal interino consolidado nas listaxes de substitución non tería que presentarse ás oposicións, unha medida que finalmente pasará mañá pola Mesa pero que tamén foi tratada noutra comisión de seguimento doutro acordo. A estratexia da Consellaría de deixar fóra á CIG-Ensino en realidade o que fai é deixar fóra ao profesorado e é de dubidosa legalidade polo que a nosa asesoría xurídica xa está analizando presentar unha demanda por como están a actuar a administración e outras organizacións sindicais”. Sobre este anuncio fixo tamén unha reflexión. “Está claro que estes movementos, aínda que pequenos, responden á mobilización do profesorado este curso porque en dous anos e medio de vixencia do acordo non se producira ningún avance. A temporalización non é casual. Mais o que nos tememos é que a Consellaría estea xogando politicamente cun dereito que xa teñen recuperado en todas as comunidades autónomas, menos aquí”. Así, explicou que a Xunta estaría á espera de ver que acontece co Anteproxecto de Lei que regula a baixada de ratios e a redución horaria que está en tramitación en Madrid. “De saír adiante e contar con financiamento estatal para a súa implantación, estamos certas de que a Xunta intentará adiantarse para vender que o aproba ela antes que o goberno central. Mentres que se non sae referendado polo Parlamento español a Consellaría é capaz de non implantala ou facelo a custe cero sen incrementar o profesorado, como xa pasou coa redución horaria de infantil e primaria. Para evitar esta burla e que non se estean atendendo outras demandas fundamentais docentes, como a redución de ratios, a dotación de máis persoal para atender a diversidade, a desburocratización do ensino ou melloras salariais e laborais é preciso mobilizarse con máis forza”. Neste sentido lembrou que o mañá martes teñen previstas concentracións nos centros de ensino con mensaxes reivindicativas ás que está chamado a participar todo o profesorado e que despois de Entroido levarán a cabo novas medidas de protesta contundentes. 

Volver