A CIG-Ensino acusa á Consellaría de querer censurar o profesorado a través da secretaria xeral do PP

A secretaria xeral do PP, Paula Prado, nun acto sobre vivenda aproveitou para acusar á CIG de falsedades e o que é máis grave para intentar poñer ás familias en contra do profesorado, o cal é dunha irresponsabilidade manifesta, en opinión da CIG-Ensino

Ante unhas declaracións impresentábeis de Paula Prado o sindicato reafírmase en que o seu papel é fornecer de materias didácticos que fomenten a protección do medio ambiente e a educación para a paz no ensino público

En primeiro lugar, é falso que o sindicato enviara ningunha carta aos centros educativos, senón que enviou un correo ao profesorado poñendo á súa disposición certos materiais didácticos que poden empregar nas aulas para abordar, entre outros, a situación do pobo palestino ou os efectos dos incendios e de industrias contaminantes no noso territorio. Estes materiais, a disposición pública na web da CIG-Ensino pretenden fomentar a perspectiva crítica do profesorado, teñen un carácter eminentemente didáctico, están plenamente imbuídos dentro dos contidos curriculares e insírense dentro dos obxectivos marcados polo marco lexislativo educativo. Nomeadamente responden aos obxectivos enunciados no preámbulo da LOMLOE de “maior participación e recoñecemento no currículo dos movementos sociais que a crise impulsou, así como atender ao desenvolvemento sostible de acordo co estabelecido na Axenda 2030, incardinándose nos plans e programas educativos da totalidade da ensinanza obrigatoria. A educación para o desenvolvemento sostible e para a cidadanía mundial inclúe a educación para a paz e os dereitos humanos, a comprensión internacional e a educación intercultural, así como a educación para a transición ecolóxica, sen descoidar a acción local, imprescindíbeis para abordar a emerxencia climática, de modo que o alumnado coñeza que consecuencias teñen as nosas accións diarias no planeta e xerar, por conseguinte, empatía cara a súa contorna natural e social”.

Tal e como se recolle nun dos recursos didácticos dedicado á situación de Palestina, os Decretos que ordenan as ensinanzas da Educación Secundaria Obrigatoria e do Bacharelato en Galiza inclúen múltiples referencias en diversas materias aos dereitos humanos, aos dereitos dos pobos, aos xenocidios, aos crimes contra a humanidade e á necesidade de tomar conciencia do grao de violencia, barbarie e destrución alcanzado por moitos conflitos que se teñen producido e se producen na Idade Contemporánea. Esa mesma normativa inclúe como elemento transversal nas distintas áreas de coñecemento a aprendizaxe na prevención e resolución pacífica de conflitos, en todos os ámbitos da vida persoal, familiar e social, así como dos valores que sustentan a liberdade, a xustiza, a igualdade, o pluralismo político, a paz, a democracia, o respecto polos dereitos humanos e o rexeitamento de calquera tipo de violencia, a pluralidade, e o respecto polo Estado de dereito. Nestas normas indícase ademais que a programación docente debe abranguer en todo caso a prevención entre outras da violencia terrorista e de calquera forma de violencia, racismo ou xenofobia, incluído o estudo do Holocausto xudeu e doutros xenocidios e crimes contra a humanidade como feitos históricos.

CIG

Así pois, a CIG-Ensino reafírmase en que todos os materiais didácticos postos a disposición do profesorado se enmarcan na lexislación educativa vixente e acusa á secretaria xeral do PP galego de querer enfrontar ás familias co profesorado cunhas declaracións que son unha absoluta irresponsabilidade

Volver