A CIG-Ensino, a única organización que defendeu a constitución dun Marco Galego de Relacións Laborais

A primeira xuntanza de sindicatos e patronais maioritarias do sector da discapacidade no Consello Galego de Relacións Laborais rematou coa sinatura dun manifesto reivindicativo conxunto para trasladarlle á Consellaría de Política Social.

O 28 de xullo de 2025, após o compromiso da CIG-Ensino de iniciar os trámites para que o Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL) abrise  o marco galego de negociacións no sector da discapacidade convocando as partes social e patronal, produciuse a primeira xuntanza dos sindicatos CIG, CCOO e UGT e as patronais AEDIGAL e INRED que rematou, despois dun amplo debate, coa simple sinatura dun manifesto reivindicativo dirixido á Xunta, no que se lle recrimina a actitude pasiva e a non aplicación dos incrementos salariais recollidos no XVI convenio estatal. Ademais, no documento solicítase que se constitúa unha mesa tripartita (Consellaría, patronais e sindicatos maioritarios do sector) coa finalidade de dignificar salarios coa creación dun Complemento Salarial Autonómico, así  como a negociación colectiva no ámbito autonómico doutras melloras laborais. As patronais puxeron como condición obter compromisos da Consellaría para comezar a negociar nesta mesa no CGRL.

Accede ao Manifesto conxunto reivindicativo 

Para a CIG-Ensino, sindicato maioritario na Galiza do sector da discapacidade, esta actitude é unha simple declaración de intencións e non de feitos para avanzar, como esiximos en solitario. “Propuxemos ser valentes e constituír o Marco Galego de Relacións Laborais no sector co fin de dignificar as condicións laborais e salariais acadando un “convenio galego no sector”, única vía real e posible que dea resposta ás reivindicacións do persoal traballador galego, e que non dá o convenio estatal negociación tras negociación”, apunta Henrique García, responsábel de Ensino Privado. Contar con este convenio galego obrigaría a administración a cumprilo (ao igual que acontece co convenio estatal actual), dando máis seguridade xurídica que calquera outro acordo, máis ao regular agora o E.T. a prevalencia dun convenio autonómico sobre o estatal.

Deste xeito o compromiso acadado en abril coas patronais AEDIGAL e INRED, de constituír a futura mesa de negociación na Galiza “por un convenio galego”a través do CGRL, non foi ratificado polas mesmas neste primeiro contacto no CGRL, amosándose agora distantes (apoiadas por CCOO e UGT) e máis preocupadas coas reivindicacións do manifesto, que consideran prioritarias e adiando o “convenio galego” para “máis adiante”.

A modo de resumo, os temas acordados en abril pola CIG con AEDIGAL e INRED, foron:

- Unha maior calidade na atención aos usuarios/as: menos ratios, mellores condicións laborais e salariais para o persoal traballador, máis persoal na atención directa,...

- Mellorar as condicións salariais xa, cun Complemento Salarial Galego e creando o Marco galego de relacións laborais para camiñar cara o I Convenio Galego do sector no que se involucre a administración galega, que dea resposta ás necesidades e características dos centros e persoal traballador galego.

- Mellorar o Concerto Social para que atenda, cubra e protexa a todas estas entidades asociativas que xestionan estes servizos esenciais (responsabilidade da administración) sen ningún ánimo de lucro, e non permitir a mercantilización destes servizos de coidados coa entrada interesada da empresa privada (exemplos como DomusVI, Clece,...) Unificar e dignificar os prezos módulo-praza segundo o tipo de servizo dado polo centro e que sexan revisábeis anualmente.

- Crear unha Mesa Tripartita do sector da discapacidade na que as tres partes: social, patronal e administración formen parte e acorden as decisións máis acaídas.

Debate e medidas de presión

A CIG-Ensino trasladará estes feitos aos centros de traballo e debaterá coa súa representación sindical maioritaria no sector (conta co 43% dos delegados/as cun total de 90 de preto duns 200 electos), no mes de setembro, as medidas a adoptar se a administración se mantén na súa pasividade e incumprimento e as patronais non acceden a negociar, non descartando tomar medidas de presión reivindicativas. 

Organízate coa CIG-Ensino no teu centro de traballo, apoiando un modelo sindical reivindicativo, combativo, participativo e asembleario!                    

Volver