A CIG-Ensino a anima o profesorado a conmemorar o día de Rosalía

Do XIX ao XXI: Libre o meu pensamento!

Un ano máis a CIG Ensino anima ao profesorado galego a suplir a negación da Consellaría de Educación a darlle oficialidade ao 24 de febreiro como o Día de Rosalía, e como en anos anteriores facémolo sumándonos á iniciativa da Asociación de Escritoras en Lingua Galega (AELG).

O lema da proposta da AELG, Do XIX ao XXI: Libre o meu Pensamento!, pode desenvolverse a través de actividades que permitan ao alumnado observar e reflexionar sobre a vixencia do amplo abano de inxustizas sociais, incluída a situación da lingua galega, presentes na obra de Rosalía de Castro.

Mani-FESTA-acción

Para isto, despois de facer un repaso da figura literaria da Autora, e dalgunhas lecturas que dean conta da pluralidade significativa da súa obra, propoñemos para o venres 22 de febreiro a realización dunha Mani-FESTA-acción simbólica arredor de versos escollidos a partir do manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro 2019, elaborado pola escritora Ana Romaní, unindo unha Inxustiza cun Verso de Rosalía de Castro (evidentemente, poderán engadirse novas propostas a estas, extraídas do Manifesto, ou algún titular xornalístico que exemplifique como esas inxustizas continúan desde o século XIX até a actualidade): 

Inxustiza

Versos de Rosalía de Castro

o espolio

dunha perenne miseria,

as violacións

a roupa de cote puñéronma en tiras,

a inxustiza social

sin abrigo tembra,

os desafiuzamentos

embargaránnos todo,

o abuso laboral

que se amargo pan vos ganan/ dádesllo envolto en veneno

os éxodos

en errantes hordas.

Será o profesorado de Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato quen decida os temas transversais da obra de Rosalía de Castro que se poden abordar en función dos respectivos niveis educativos.

A partir de aí propoñen a elaboración de pancartas nas que se escriban os textos antes traballados para, a seguir, proceder á súa teatralización como se fose unha reivindicación social, que será gravada en vídeo ou fotografada.

A documentación gráfica xerada por estas actividades será compartida nas correspondentes redes ou medios de difusión do centro educativo, antes do 24 de febreiro, ou ese mesmo día, coa etiqueta #LibreOMeuPensamento_rdc_19.

A AELG comprométese a colaborar na difusión da mesma a través da súa web e redes sociais, para o que agradecemos que lle enviedes noticia das actividades ao correo oficina@aelg.org. 

A este mesmo correo podedes comunicarlles a vosa intención de participar nesta iniciativa ou noutras coas que o voso centro celebre o Día de Rosalía 2019, para a irmos facendo constar na súa web. 

Desde a CIG Ensino, convidamos á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo.

Podedes ver toda a información da AELG na seguinte ligazón

Volver