A CIG e as demais OO.SS acadan a unidade de acción sindical para dar continuidade ás mobilizacións nos sectores de menores, discapacidade e infantil 0-3 anos
O acordo reivindicativo fíxase como obxectivo melloras laborais, sociais e salariais nestes tres sectores de atención ás persoas no camiño de acadar convenios dignos e xustos
As sete organizacións veñen de solicitar por escrito xuntanzas á conselleira de Política Social e ás patronais e asociacións dos tres sectores, dándolles unha marxe de 10 días para responder, xa que do contrario continuarán cun calendario de mobilizacións acordado entre todas, co obxectivo a curto prazo de reducir ratios, aprobar complementos autonómicos e aplicar as subas salariais dos convenios estatais e mellorar recursos materiais e humanos.
A CIG-Ensino tras varias xuntanzas coas demais organizacións sindicais CCOO, UGT, USO, CUT, FSIE e SNEP, despois da folga do 6N, acada unha unidade de acción sindical para dar continuidade ás mobilizacións comezadas nos tres sectores de atención ás persoas: Discapacidade, Menores e Infantil 0-3, e para defender as seguintes reivindicacións do persoal traballador ante a administración galega e as patronais dos tres sectores:
Discapacidade
-Aplicación inmediata do total dos incrementos salariais recollidos no XVI Convenio estatal por parte da administración, que agora mesmo están a asumir as Asociacións.
-Constitución dunha Mesa tripartita (administración, sindicatos e patronais) coa finalidade de dignificar os salarios coa creación dun complemento salarial autonómico.
-Maior dotación de recursos humanos e materiais, así como baixada das ratios, que garantan unha maior seguridade do persoal traballador e un mellor coidado das persoas con discapacidade.
Menores
-Aplicación inmediata a todo o persoal traballador, desde xaneiro de 2026, das táboas salariais aprobadas no V Convenio estatal, sen agardar a que se adxudiquen novos concursos, contratos ou concertos.
-O recoñecemento dun complemento autonómico, previa constitución dunha Mesa tripartita galega, que dignifique salarios e camiñe cara á homologación salarial nas mesmas categorías entre o persoal que está nos distintos tipos de centros.
-A dotación urxente de máis recursos humanos e materiais, así como a mellora das instalacións en todos os centros, garantindo a seguridade do persoal como a calidade na atención para os menores.
Infantil 0-3
- Solicitude da integración das escolas infantís na Consellaría de Educación, recoñecendo o seu carácter educativo fronte ao asistencial.
- Unificación das táboas salariais do XIII Convenio estatal, en base á gratuidade da Xunta para todo o sector, confluíndo todas as táboas nas tipo A) de Xestión Indirecta.
- Creación dunha Mesa tripartita galega para traballar no recoñecemento dun complemento autonómico, que dignifique salarios, así como negociar a baixada das ratios e a mellora da calidade educativa.
-A dotación urxente de máis recursos humanos (parella educativa) e recursos materiais.
As organizacións sindicais acordan que a prioridade debe ser mellorar as condicións laborais e salariais mediante negociación colectiva, abrindo o Marco Galego de Relacións Laborais nestes sectores a través do CGRLs, no camiño de acadar convenios dignos e xustos en todos os ámbitos dispoñíbeis —estatal, autonómico ou de empresa—, empregando en cada momento o marco de relacións laborais máis útil para acadar avances reais.
No inmediato, apostan por reforzar no Consello Galego de Relacións Laborais (CGRLs) a negociación de melloras complementarias que permitan incrementar salarios (complemento autonómico), reducir ratios e mellorar recursos humanos e materiais nos tres sectores.
Por todo o exposto, acordan solicitar xuntanzas coas patronais existentes nestes sectores e coa responsábel de Política Social, Fabiola García, dándolles unha marxe de 10 días para responder ás solicitudes e, de non ser así, retomar as mobilizacións nunha nova xuntanza das OO.SS.
Accede ao Acordo reivindicativo e accións a levar a cabo neste enlace.
No que se refire ás mobilizacións para incrementar a presión, a CIG-Ensino propuxo un novo calendario para dar continuidade ás xa levadas a cabo (concentracións, peches, manifestación 25O, folga 6N,...), que se pospuxo por petición das demais OO.SS, á espera de resposta da Consellaría de Política Social e das patronais, ás entrevistas solicitadas. Pasado o prazo de 10 días sen resposta ou avances reais, a CIG-Ensino volverá propor de novo o calendario mobilizador.
Novas relacionadas

