
A CIG denuncia que a ampliación do permiso por nacemento, adopción e acollemento deixa fóra as traballadoras da Xunta
Interpelada a administración autonómica por parte do sindicato aseguran que aínda non está definido como se aplicará, mais todo apunta a que a modificación estatal non supoña ningunha mellora real para as mulleres. A CIG pedirá 3 semanais máis retribuídas
A modificación aprobada polo goberno do Estado supón dúas semanas máis de permiso de nacemento, adopción e acollemento para a outra persoa proxenitora que traballe para a Xunta, até as 17. Con respecto ás dúas semanas retribuídas de permiso parental de coidados até os 8 anos de idade, as traballadoras dependentes da administración galega teríanas xa incluídas nas 22 semanas, non así de novo os homes ou a outra persoa proxenitora que podería gozar delas con efectos retroactivos desde o 2 de agosto de 2024.
A representación da CIG na Xunta advirte que a recente modificación estatal do permiso por nacemento, adopción ou acollida que supón unha ampliación de tres semanas –dúas destinadas ao coidado do menor, que se poden gozar até os 8 anos, e unha correspondente ao propio nacemento, adopción ou acollemento–, non supón ningunha mellora real para as mulleres que traballan para a administración autonómica, que xa teñen recoñecidas 22 semanas de permiso.
No caso das docentes, até o de agora, a Seguridade Social ou a Xunta aboaban 16 semanas (dependendo de se se trataba de persoal interino ou fixo respectivamente) e as 6 restantes eran asumidas nos dous casos pola administración galega para completar as 22 semanas que teñen recoñecidas. Coa nova normativa, a Seguridade Social e a Xunta (no caso das funcionarias de carreira) pasarán a sufragar 19 semanas, polo que esta última só achega 3 semanas para manter esas mesmas 22. Esta situación é particularmente relevante no ensino porque é o único sector no que a Xunta se fai cargo das primeiras semanas para as mutualistas pertencentes a MUFACE, dado que no SERGAS ou no resto da administración autonómica asúmeas, e así o seguirá facendo, a Seguridade Social. En calquera caso, o permiso non aumenta para as mulleres e mesmo a Xunta aforrará cartos a costa dos seus dereitos ao deixar de financiar tres semanas no caso do persoal interino e substituto docente e no resto das traballadoras da administración.

Os empregados da Xunta si ven mellorada a súa situación
No que respecta á outra persoa proxenitora, na súa maioría homes, si ven ampliados estes permisos ao pasar de 16 a 19 semanas retribuídas, o que crea unha situación discriminatoria: mentres o permiso masculino se incrementa, o das mulleres mantense igual, sen que se lles recoñeza ningunha mellora efectiva. En ambos os dous casos mantense a posibilidade de fragmentar o goce do permisos do seguinte xeito:
- As 6 primeiras semanas obrigatorias de descanso.
- 16 semanas no caso das nais e 11 semanas no da outra persoa proxenitora de forma continua ou fraccionada até os 12 meses da crianza ou da resolución xudicial de adopción.
- 2 semanas até os 8 anos da crianza.
Estas dúas últimas semanas, que son a principal novidade do Real Decreto-Lei 9/2025, publicado no BOE o 30 de xullo de 2025, poderán gozalas de forma retroactiva quen tivese fillos ou fillas desde o 2 de agosto de 2024 pero neste caso non poderán solicitarse até o 1 de xaneiro de 2026. Toda esta complexidade fai que haxa moita confusión ao respecto de quen pode beneficiarse ou non destas medidas polo que aconsellamos que se consulte a información no teu local sindical de referencia.
Por outra banda, as 8 semanas de permiso por coidado non retribuídas até os 8 anos de vida do menor poderán seguir solicitándose, independentemente das anteriores, até que cumpra esa idade. Para a CIG é lamentábel que o goberno do Estado non tivese aproveitado esta reforma para retribuír como correspondía este permiso, o que permitiría favorecer a tan complexa conciliación da vida laboral e familiar no noso país, especialmente azoutado por unha grave crise demográfica.

Ningunha mellora para as familias monoparentais da administración galega
No caso desta tipoloxía, formada case na súa totalidade por mulleres, tampouco se recolle ningunha mellora dado que nestes intres as empregadas da Xunta xa tiñan as 32 semanas garantidas. A CIG ten presentado recursos para que puidesen gozar as 22 semanas que lles correspondían máis as 16 da outra persoa proxenitora, pero a Consellaría desestimou esta petición obrigando ás súas traballadoras a ir aos xulgados. Coa nova normativa semella que se blinda o goce destas 32 semanas que se repartirían do seguinte xeito:
- 6 semanas obrigatorias tras o parto, data da resolución da adopción ou do acollemento sempre que este último sexa superior a un ano.
- 22 semanas até os 12 meses da crianza ou da data da resolución administrativa ou xudicial da adopción.
- 4 semanas até os 8 anos de idade da crianza.
A CIG solicitará 3 semanas máis para as empregadas públicas da Xunta
Aínda que as aspiracións do sindicato nacionalista pasan por camiñar cara os 12 meses de permisos para as mulleres e a progresiva equiparación para a outra persoa proxenitora, esixirá na Mesa Xeral de Negociación do Empregado Público da Xunta que se incrementen os permisos para as nais traballadoras en 3 semanas máis, até chegar ás 25, dúas de permiso parental e unha ligada ao propio acto do nacemento, adopción ou acollemento. Só deste xeito se garante que vexan incrementado o tempo de permiso na mesma proporción que o aprobado polo goberno central e, polo tanto, que se produza un avance real en materia de igualdade.
Novas relacionadas
