A CIG denuncia o papel de MUFACE e da sanidade privada: unha sentenza avala que o negocio non pode estar por riba da saúde
A Mutualidade do persoal público negouse a asumir o custo dunha intervención oncolóxica para aforrarlle gastos á aseguradora.
A Área Pública da CIG valora moi positivamente este auto que vén de estimar a demanda fronte á denegación de asistencia sanitaria por parte da Mutualidade Xeral de Funcionarios/as Civís do Estado (MUFACE) e da entidade aseguradora privada concertada. A resolución xudicial recoñece o dereito ao reintegro íntegro de 31.100 euros, con xuros e custas, e consolida unha doutrina que abre a porta a novas reclamacións fronte a abusos sistemáticos das aseguradoras.
Para a central sindical, esta resolución xudicial deixa en evidencia as carencias estruturais do modelo de mutualismo administrativo, baseado na externalización da asistencia sanitaria a entidades privadas cuxo obxectivo principal non é garantir dereitos, senón maximizar beneficios económicos.
Modelo esgotado ao servizo das aseguradoras
O conflito xorde tras a negativa de MUFACE a asumir o custo dunha intervención oncolóxica complexa (cistectomía radical con cirurxía robótica), perfectamente indicada desde o punto de vista médico e realizada nun centro sanitario habilitado. “Actuou como mera correa de transmisión dos intereses da aseguradora, avalando unha interpretación restritiva e interesada do concerto sanitario, coa única finalidade de aforrar custos, mesmo cando está en xogo a saúde e a vida das persoas”, denuncian dende a CIG.
A sentenza é contundente ao sinalar que esta actuación constitúe unha denegación inxustificada de asistencia sanitaria, desmontando o argumento habitual das entidades privadas: cubrir só aquilo que aparece listado de maneira literal nos concertos, aínda que a técnica estea plenamente implantada no sistema público de saúde.
A sanidade privada: selección de riscos e recortes
O caso resolto polo Tribunal non é unha excepción, senón un exemplo máis dun funcionamento estrutural da sanidade privada concertada: acepta os casos sinxelos e rendíbeis; pon atrancos administrativos nos procesos complexos e custosos; e trasládalle o risco económico ás persoas doentes cando o tratamento resulta caro.
“A cirurxía robótica, lonxe de ser experimental, é unha técnica habitual na sanidade pública, utilizada en hospitais do SERGAS e do conxunto do sistema público de saúde. Porén, cando esta mesma técnica implica un custo elevado, as aseguradoras privadas escúdanse en cláusulas ambiguas para eludir a súa obriga de cobertura”. A sentenza confirma que o catálogo pechado e desactualizado dos concertos non pode empregarse como instrumento de recorte de dereitos sanitarios.
A sanidade pública como garantía de dereitos
O Tribunal é claro ao establecer que a asistencia sanitaria das persoas mutualistas debe ser como mínimo equivalente á do sistema público de saúde, o que supón un recoñecemento explícito de que o nivel asistencial de referencia é o público, non o privado; as técnicas e tratamentos que se aplican de maneira habitual no sistema público de saúde deben ser garantidos tamén para as persoas mutualistas; e a falta de actualización formal dos concertos non pode xustificar desigualdades nin discriminacións.
Mentres a sanidade pública incorpora avances tecnolóxicos en función de criterios clínicos, a privada faino só cando é economicamente rendíbel
“A realidade é que, mentres a sanidade pública incorpora avances tecnolóxicos en función de criterios clínicos, a sanidade privada faino só cando resulta economicamente rendíbel”, lamentan na central sindical.
Defensa colectiva fronte ao abuso
Esta sentenza é froito dunha estratexia sindical da CIG, que entende a defensa xurídica individual como parte dunha loita colectiva contra un modelo inxusto. O impulso desta demanda responde ao feito de que MUFACE estea a converterse nun mecanismo de degradación da asistencia sanitaria que ao externalizar estes servizos non garante nin calidade nin equidade. “Os dereitos sanitarios non poden depender de contratos mercantís nin de balances empresariais”.
A resolución xudicial recoñece o dereito ao reintegro íntegro de 31.100 euros, con xuros e custas, e consolida unha doutrina que abre a porta a novas reclamacións fronte a abusos sistemáticos das aseguradoras.
Ao tempo que confirma o que a CIG leva anos denunciando: a sanidade privada non garante dereitos, garante beneficios e MUFACE actúa máis como xestor de contratos privados que como garante da saúde das persoas mutualistas. “Seguiremos a loitar pola recuperación dunha asistencia sanitaria pública, directa e de calidade para todo o persoal empregado público, sen intermediarios privados que fagan negocio coa saúde”, rematan dende a central sindical.
Novas relacionadas

