A CIG denuncia a falta de persoal nos comedores escolares de varios colexios públicos da provincia de Lugo

O CEIP de Lousada leva case unha semana sen servizo de comedor

A situación máis grave ten lugar no CEIP de Lousada, onde desde o pasado venres non funciona o servizo de comedor debido a que a Consellaría de educación non cubriu a baixa da persoa encargada del. Ademais non está previsto que o comedor recupere a normalidade, cando menos, até a vindeira semana. É o profesorado do centro, realizando unha función que non lle corresponde, quen se está encargando que o alumnado poida ter ese servizo encargando o xantar a restaurantes próximos.

Noutros centros da provincia as baixas do persoal de cociña tampouco se están cubrindo, mais a situación non é tan complexa ao haber nestes centros persoal axudante de cociña.

A orixe do problema está na carencia de persoal nas listas de substitución para cubrir as baixas do persoal de cociña. Estas listas abríronse no mes de marzo de 2023, resolvéronse provisionalmente en decembro e, aínda que xa rematou o prazo de reclamación, a día de hoxe aínda non se resolveron definitivamente, nun exemplo dunha pésima xestión da cobertura de prazas por parte, neste caso, de Función Pública.

A CIG demanda á Dirección Xeral de Función Pública celeridade na resolución das anteriores listas para que o servizo de comedor dos centros volva a funcionar con normalidade e que con  carácter inmediato se tomen as medidas que correspondan para recuperar a normalidade nos centros afectados.

Volver