A CIG demanda a aplicación do V Convenio do persoal laboral da Xunta de Galiza para todas as traballadoras/es do Consorcio

Exixe a apertura inmediata de novas listas de agarda para o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar

Persoal do Consorcio e representantes da CIG concentraronse esta mañá diante do Consorcio galego de Igualdade e Benestar e centros de traballo de toda Galiza en demanda da aplicación do V Convenio do Persoal laboral da Xunta de Galiza para todas as traballadoras/es do organismo. Xunto isto exixiron a apertura inmediata de novas listas de agarda. *** GALERÍA DE FOTOS NO INTERIOR DA NOVA ***

Con estas concentracións iníciase un calendario de mobilizacións que se repetirán todos os xoves diante dos distintos centros de traballo do Consorcio no país. O persoal demanda a inmediata apertura de negociacións para a súa inclusión no V Convenio, de cara a conseguir o recoñecemento duns dereitos que de forma sistemática lles son negados.


Ligazón á galería de fotos de moitas das concentracións.

O vindeiro curso precisaranse un mínimo de 100 novas prazas

Debido á diminución dos cadros de persoal dos centros de traballo, polas sucesivas amortizacións de persoal, urxe máis que nunca a apertura das listaxes de agarda do persoal do Consorcio, non só para cubrir as case 100 prazas de nova creación, senón tamén para atender as necesidades das propias traballadoras e traballadores. 

A CIG considera que é “inaceptábel” que a mala xestión da Xerencia do Consorcio, negándose a abrir as listas de substitucións, tal e como lle solicitou a CIG en sucesivas ocasións, “leve a que as traballadoras e traballadores teñan que aprazar as súas visitas médicas ou renunciar a días de asuntos propios para que as Galescolas poidan seguir funcionando”. 

O persoal do Consorcio leva nos seus postos de traballo desde o ano 2.007, sen posibilidade de permutar nin de participar nun concurso de traslados, polo que a creación destas 100 prazas é a mellor  oportunidade para emendar esta situación e acabar coas prácticas caciquís e servís do partido popular. 

En consecuencia, a CIG exixe que se oferten estas prazas tan necesarias ao persoal do Consorcio en concurso de traslados interno e que as resultas ou vacantes deste concurso sexan cubertas nunha oferta pública e transparente.

Ligazón á galería de fotos de moitas das concentracións.

Volver