A CIG convoca 17 mobilizacións para a folga xeral do 11 de novembro
A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas
Baixo o lema “Galiza en loita por unha vida digna”, a folga xeral convocada pola CIG o vindeiro 11 de novembro esixirá da Xunta de Galiza e do Goberno español un Plan de Choque que permita frear o deterioro das condicións de vida da clase traballadora. Demanda medidas contundentes para paliar o encarecemento da vida, a pobreza salarial, a crise da vivenda, a precariedade laboral e a degradación dos servizos públicos mentres o grande capital continúa a obter beneficios extraordinarios.
A folga xeral abranguerá as persoas traballadoras das empresas privadas e do sector público en todo o territorio galego, incluído o persoal funcionario, estatutario e laboral. Desenvolverase o 11 de novembro, desde as 00:00 até as 24:00 horas, coas adaptacións horarias previstas para as empresas con varias quendas e para os medios de comunicación.
Lista de mobilizacións da Folga Xeral do 11 de novembro
- CARBALLO: ás 12:00h. Praza do Concello
- CEE: ás 12:00h. Praza 8 de Marzo
- PONTEVEDRA: ás 12:00h. Praza da Ferrería
- VILAGARCÍA: ás 12:00h. Casa do Mar
- A ESTRADA: ás 12:00h. Praza do Mercado
- COMPOSTELA: ás 12:00h. Praza Roxa
- RIBEIRA: ás 12:00h. Mercado Municipal
- FERROL: 12:00h. Local CIG (Avenida de Esteiro)
- AS PONTES: 12:00h. Praza do Concello
- LUGO: ás 12:00h. Edificio Sindical
- BURELA: ás 12:00h. Local CIG (Arcadio Pardiñas)
- MONFORTE: ás 12:00h. Praza de España
- OURENSE: ás 11:00h. Edificio Sindical
- O BARCO: ás 12:00h. Praza do Concello
- VERÍN: ás 12:00h. Praza do Concello
A suba dos prezos que a pague o capital
O medre constante e imparábel dos prezos fai máis difíciles as condicións de vida, levando á ruína o pobo e as clases traballadoras galegas. Á suba da electricidade, dos combustíbeis e de moitos produtos de primeira necesidade, hai que engadir unha grave deterioración dos servizos públicos e o retroceso nas políticas sociais.
A vivenda é un dereito fundamental para todas as persoas, pero a especulación converteuna nun luxo inacesíbel para a maioría social. Unha suba descontrolada dos prezos, agravada pola sequía, pero provocada polas guerras imperialistas e a ofensiva belicista que os Estados Unidos teñen en marcha, e que conta co entreguismo da Unión Europea e do Estado español. Perigosa deriva militarista que está a aumentar escandalosamente o gasto militar dos Estados e o criminal papel da OTAN.
Unha inflación que está aumentando as débedas das familias, polo que moitas delas non teñen onde vivir ou como acceder a bens e servizos básicos. Un encarecemento da vida que multiplica os efectos negativos que xa veñen causando as precarias modalidades de contratación impostas polas sucesivas reformas laborais (a tempo parcial, fixa-descontinua, ETT, etc.), que impiden ter condicións laborais e salariais estábeis e con dereitos.
Fronte a esta realidade, o capital segue enriquecéndose de forma imparábel, obtendo beneficios astronómicos. O IBEX 35 fulmina resultados e as empresas chegan a cifras nunca antes rexistradas. Velaí os últimos datos feitos públicos polas empresas enerxéticas, os bancos ou as do sector do comercio da alimentación.
Contra a complicidade dos gobernos e o auxe da ultradereita
As respostas dos gobernos demostran pouca vontade para darlle solución a esta crúa situación que padecemos a maioría social, tendo nula disposición a tomaren medidas contra o capital. A presión exercida polas grandes empresas sobre os mercados con manobras especulativas permítelles seguir controlando os prezos e aumentar a súa marxe de ganancia, facendo que os seus beneficios sigan sendo cada vez máis extraordinarios.
Todo isto pasa cando o capitalismo está nunha tendencia cada vez máis reaccionaria no social, no económico e no político. Alentan a ultradereita, a extrema dereita e o fascismo, que no noso caso é fomentando a ideoloxía españolista e negando a realidade plurinacional do Estado español.
Repiten o feito noutros momentos da historia e onde Galiza nos vemos claramente prexudicados: reforzar os mecanismos de explotación e represión ante o aumento do descontento social pola dureza das súas políticas económicas que xeran desemprego, baixos salarios e aumento da pobreza.
É hora de reaccionarmos!
Hai que dar un paso adiante e comprometerse para que sexa maior a capacidade das forzas sindicais, sociais e políticas soberanistas, mediante a loita social, as que impidamos, como até o de agora, que vaian a máis estas derivas españolistas e reaccionarias.
Cómpre ir a máis na resposta que levamos meses promovendo, coas folgas en moitos convenios colectivos, e avanzar coa convocatoria de Folga Xeral para o 11 de novembro. Temos que evitar que a clase traballadora galega paguemos, máis unha vez, esta nova crise, cando outras políticas públicas son necesarias e posíbeis, como vimos defendendo coas Propostas por unha Galiza con Dereitos, Traballo Digno e Igualdade.
Por un Plan de Choque en rescate da clase traballadora
É urxente a mobilización porque é inaprazábel a aprobación polo Goberno galego e o Goberno español un Plan de Choque asentado en:
1.- Paralizar o aumento do gasto militar e anular o que se ten aprobado para destinalo á protección social, servizos públicos e ter un sistema público galego digno de atención ás persoas.
2.- Intervención pública nos sectores estratéxicos, como o financeiro, enerxético, alimentación, vivenda e mobilidade, para garantir uns mínimos de benestar social.
3.- Fixar nos 1.374,74 euros mensuais o SMI con carácter retroactivo desde o 1 de xullo de 2026 para cumprir xa a Carta Social Europea (60% do salario medio). Garantir o carácter non compensábel nin absorbíbel de ningún dos complementos salariais. Aprobar a descentralización do SMI para que en Galiza teñamos competencia para mellorar o estatal.
4.- Promover o dereito á negociación colectiva, o poder adquisitivo dos salarios e as cláusulas revisión salarial conforme o IPC real, garantindo a prevalencia dos convenios galegos fronte aos estatais.
5.- Os gobernos fixarán por lei prezos populares en produtos básicos de alimentación e prezos xustos para quen os produce. Demandamos actuacións contra quen especula nos mercados, contra as empresas enerxéticas e do comercio de alimentación.
6.- Prohibir os desafiuzamentos, conxelar as cláusulas das rendas dos alugueiros e que non se apliquen as subas de xuros nas hipotecas.
7.- Aprobar un Plan de acción que poña a disposición inmediata todas as vivendas da SAREB para os sectores sociais máis necesitados. Intervir o mercado da vivenda fixando os prezos máximos de alugueiro acordes co salario medio do lugar, que obrigatoriamente deberán cumprir os grandes posuidores. Creación dun Banco Galego de Vivenda para aluguer social.
8 .- Creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade, que garanta a enerxía ao servizo do pobo. Aprobación dunha Tarifa Eléctrica Galega, abaratando a factura da electricidade, tendo en conta o carácter produtor e exportador de enerxía que ten o noso país. Así mesmo, aprobar unha reforma do marco legal para limpar da factura os cargos que non teñen relación directa co funcionamento do sistema eléctrico, eliminar o mercado marxinalista e cambiar o sistema de fixación de prezos e desvincular o prezo da electricidade do prezo do gas.
9.- Fixación polo Goberno dun prezo máximo da gasolina e do diésel mentres non se estabilicen os prezos e non se avance nunha solución fiscal xusta, tomando como base o prezo medio nas gasolineiras ao 24 de febreiro de 2022.
10.- Reforzar os servizos de mobilidade aumentando as frecuencias, ampliando os horarios para facilitar os desprazamentos, reducindo as exixencias para o acceso a maiores descontos e ampliar os traxectos gratuítos.
Novas relacionadas

