A CIG consegue melloras por riba de convenio no Plan de Igualdade da Asociación Down que benefician a máis de 100 persoas traballadoras

Durante as negociacións acordouse tamén que dentro de dous anos se abordarán outras melloras, antes da finalización do período de aplicación deste Plan.

Entre as medidas incorporadas a instancias da CIG-Ensino está o incremento nunha semana do permiso retribuído por nacemento e coidado de menores, a posibilidade de gozar do chamado "permiso de lactación" até os 12 meses de vida da crianza desde o seu nacemento ou adopción, o incremento do permiso por defunción de familiares directos até os 7 días, facilidades para realizar formación en horario laboral, seguir promovendo a xornada continua e a transformación de contratos temporais en indefinidos, así como outras medidas contra o acoso na contorna laboral.

Despois dunha negociación de meses e de 4 reunións nas que a CIG-Ensino levou sempre a
iniciativa, como se pode ver no extracto das actas incluído na imaxe inferior, conseguiuse chegar a un acordo coa empresa para aprobar o primeiro Plan de igualdade nas Asociacións Down Galiza, Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol que terá impacto no persoal que traballa en 7 centros desta entidade. Nel recóllense varias melloras con respecto ao convenio de centros e servizos de atención a persoas con discapacidade, que é polo que se rexe esta empresa, na que, por certo, a CIG non ten representación sindical, o que fai aínda se cabe máis meritoria a aprobación deste plan que se estende a máis dun cento de traballadoras.

No acordo, ratificado entre xullo e setembro nas distintas asociacións, estáblecese a implantación das medidas recollidas en dito plan que van desde o curto prazo, neste primeiro ano, ata o compromiso de realizar unha nova negociación en 2026, coincidindo coa metade da súa aplicación, sobre propostas de mellora en materia de conciliación laboral e familiar.

Medidas a implantar acadadas pola CIG-Ensino

✅ Aumentar unha semana o permiso retribuído por nacemento e coidado de menores, a maiores das 16 semanas.
✅ O permiso de lactación poderá gozarse polo persoal con fillas e fillos menores de 12 meses, tanto na modalidade de redución da xornada diaria en unha hora (ou en dúas fraccións de media hora), como no que respecta á acumulación do permiso en xornadas completas (neste caso a duración será de catro semanas a acumular, de así decidilo a persoa proxenitora, ao permiso por nacemento e/ou coidado de menor. No caso das adopcións de crianzas menores de 12 meses, as persoas proxenitoras terán dereito á mesma duración do permiso. Até agora era só até os 9 meses.
✅ Aumentar a 7 días o permiso por falecemento de pais/nais e irmáns (eran só 3 días).
✅ Promover a realización de até 32 horas de formación ás que terán dereito as traballadoras/es dentro da súa xornada laboral anual. (O convenio marca 25)
✅ Compensar con tempo de descanso equivalente a formación obrigatoria da empresa que sexa fóra da xornada laboral.
✅ Promover a contratación indefinida ou de longa duración para as persoas con contratos temporais, incluso aqueles contratos xa vencidos sempre e cando non se superen 12 meses de desvinculación, agás os vinculados a proxectos que na convocatoria así o esixan. O calendario desta medida sería durante a vixencia do Plan de igualdade. Trátase dunha medida que non precisa de recursos económicos nin materiais propios para a súa implantación, tal e como defendeu a CIG-Ensino durante a negociación.
✅ Garantía do dereito de reserva do posto de traballo durante todo o tempo de excedencia por coidado de fillas, fillos ou familia dependente (ata agora era só durante dous anos).
✅ Continuar promovendo, na medida do posible, a xornada continua fronte á xornada partida como medida de conciliación.
✅ Ofertar, con preserencia ao persoal que traballa a tempo parcial con contrato indefinido, as vacantes que se produzan a tempo completo.
✅ Posibilidade de flexibilizar o uso dos días de permiso por hospit alización ou enfermidade de persoas a cargo, de xeito alterno/fraccionado (medida da empresa aprobada)
✅ Formar en prevención do acoso ás persoas da comisión instrutora do protocolo antiacoso, tendo en conta as novidades da chamada “Lei Trans” polo que se deben contemplar aqueles comportamentos contra a liberdade sexual, a orientación e identidade sexual e a expresión de xénero das persoas traballadoras.

CIG-Informa sobre o Plan de Igualdade negociado na Asociación Down que mellora o convenio e beneficia a 100 traballadoras

Documento


Volver