A CIG concéntrase durante a inauguración da escola infantil de Carballo para denunciar a privatización das galescolas

Solicita unha reunión coa conselleira de Traballo e Benestar Social na que se aborde a situación laboral dos traballadores e traballadoras do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar

Representantes da CIG e dos Comités de Empresa do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar (galescolas e centros de día) concentráronse esta mañá durante a inauguración da escola infantil “A Braña” en Carballo para denunciar a privatización das galescolas e o progresivo deterioro das condicións laborais dos traballadores e traballadoras do Consorcio. Neste acto, o secretario xeral da CIG-Ensino, Anxo Louzao entregoulle á conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, un escrito no que solicita unha entrevista na que se aclare o futuro destes centros e na que se aborde a situación laboral do persoal do Consorcio.

Nesta concentración, a CIG denunciou a despreocupación absoluta da Conselleira de Traballo e Benestar Social pola situación laboral dos traballadores e traballadoras do Consorcio que perciben un terzo menos de retribucións que os seus homólogos na administración e que sofren unha maior  inestabilidade e peores condicións no seu posto de traballo. A CIG lembra que o Consorcio segue sen aplicarlles V Convenio de Persoal Laboral da Xunta e continúa sen abrir unha negociación que permita confluír nun acordo que fixe os prazos para a súa  aplicación. 

Por outra banda, a prevista integración do Consorcio na Axencia Galega de Servizos Sociais pode traer como consecuencia a privatización dos centros que non teñen persoal fixo.  “A esta altura os traballadores e traballadoras seguen sen coñecer as condicións nas que se vai facer a integración e as súas repercusións na estabilidade dos postos de traballo”, explicou Anxo Louzao.

Con esta mobilización a CIG quere denunciar  tamén o camiño de privatización das galescolas que emprendeu a Xunta de Galiza ao outorgarlle a súa xestión “a empresas privadas que teñen como obxectivo final a consecución do beneficio económico e empresarial e non a prestación dun servizo da maior calidade posíbel”. As consecuencias deste modelo liberal pagaranas, segundo explica Anxo Louzao, os usuarios  e usuarias do servizo e os traballadores e traballadoras co empeoramento das  súas condicións laborais.  Chama a atención, ademais, que estas concesións se fagan agora pola vía de urxencia cando a CIG xa advertiu no mes de novembro das intencións dos responsables do Goberno galego.

A CIG concéntrase durante a inauguración da escola infantil de Carballo para denunciar a privatización das galescolas

Volver