A CIG chama a clase traballadora galega a mobilizarse no Primeiro de Maio no camiño da folga xeral

Fagamos deste 1º de maio unha mobilización masiva nas rúas para encetar o camiño cara esa folga xeral

Pola recuperación dos nosos dereitos

Nos últimos tempos estamos escoitando falar dun futuro incerto e apocalíptico sobre as pensións e a súa viabilidade futura, na clara intención de desmantelar o sistema público. O sistema público de pensións non está en risco, son os gobernos neoliberais quen queren que pensemos que é así. Mais non nos enganan, están a lanzar as mentiras que xa coñecemos, coas que pretenden xustificar o desmantelamento do sistema público e universal das pensións e introducir os plans privados de pensións, que benefician e enriquecen só ás grandes empresas e fondos financeiros que os xestionan.

As reformas laborais e das pensións do 2011 e 2013 impuxeron recortes moi regresivos, dirixidos fundamentalmente a dificultar o acceso ás pensións públicas e a rebaixar as súas contías, retrasando a idade de xubilación, aumentando os anos de cálculo para o cómputo da base reguladora, incrementado o número de anos para cobrar a pensión, desligando as subas anuais do IPC, introducindo o chamado “factor de sustentabilidade”, xa introducido nas reformas anteriores, en base ás mentiras sobre a esperanza de vida.

Isto supón unha nova rebaixa para as pensións futuras. En cada ano se lles descontará entre o 0,7% e o 0,9%. Por exemplo: quen se xubile dentro de 10 anos perderá na cuantía da pensión entre o 7% e o 9%.

Estas reformas das pensións tiveron, teñen, e terán -aínda máis- graves consecuencias porque provocaron unha importante perda de poder adquisitivo das e dos pensionistas, xa están ocasionando que quen accede agora á xubilación o fagan percibindo contías inferiores a quen accederon en anos anteriores. 

Toda esta situación dase, ademais, nun momento no que a intensidade na aplicación das políticas neoliberais, con especial dureza desde o comezo desta interminábel crise económica, cada vez máis convertida nunha auténtica estafa social, vai perigosamente camiño de consolidar unha situación social de empobrecemento xeralizado, pola caída dos salarios, a precarización constante e imparábel através da proliferación de novas formas de explotación laboral.

Canto máis se manteñan en vigor as reformas laborais e da negociación colectiva do 2010 e 2012, as do sistema público de pensións do 2011 e 2013, así como a sucesión continua de privatizacións de servizos públicos e do recorte dos dereitos e liberdades públicas e democráticas, nomeadamente através da Lei Mordaza e da última reforma do Código Penal, mais nos precipitaremos a esta grave situación.

Por todo isto, chamamos a acumular forzas, e intensificar a mobilización para chegar de inmediato á convocatoria dunha FOLGA XERAL, como fixemos no 2012, que obrigue ao PP a retroceder nas súas posicións antisociais e antiobreiras, e para recuperar os dereitos laborais e socias roubados nestes anos. 

CIG

Fagamos deste 1º de maio unha mobilización masiva nas rúas para encetar o camiño cara esa folga xeral.

Participa nas mobilizacións convocadas pola CIG:
  • Pontevedra.Praza da Ferrería 11:30h
  • Vilagarcía.Casa do Mar 12h
  • A Estrada.Praza do Mercado 12h
  • Lugo.Edificio Sindical (Ronda da Muralla) 12h
  • Ribadeo.Edificio Sindical (Avda. Da Galiza) 12h
  • A Coruña.Praza de Vigo 12h
  • Cee.Diante do Concello 12h
  • Ferrol.Local da CIG - Avda de Esteiro 12h
  • Compostela.Praza Roxa 12h
  • Ribeira.Praza do Peixe 12h
  • Vigo.Dobrada 12h
  • Cangas.Praza do Concello 18:30h
  • Ourense.Praza Maior 11:30h

Volver