A CIG centra a campaña do 25N na denuncia contra a violencia institucional
Baixo o lema “retroceder en dereitos incrementa a violencia”, a secretaría das Mulleres acusa ao Goberno do PP na Xunta de amparar comportamentos machistas
Este 25 de Novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, a secretaría das Mulleres da CIG lanza unha campaña para denunciar a permisividade das condutas machistas nas institucións públicas, reclamar que se revertan os recortes en materia de igualdade aplicados pola Xunta de Galiza e a posta en marcha dun plan galego pola igualdade.
No marco da campaña, baixo o lema “Retroceder en dereitos, incrementa a violencia. Por unha Galiza con dereitos, traballo digno e igualdade”, está organizado en Santiago de Compostela o Encontro Nacional de Mulleres da CIG, que comezará ás 10:30h no salón de actos da Facultade de Ciencias Políticas. Ao remate da xuntanza, delegadas e afiliadas sairán en manifestación até a sede do PP (rúa San Pedro de Mezonzo), onde farán unha concentración.
Sobre a escolla deste lugar como remate da marcha, a secretaria confederal das Mulleres, Margarida Corral, explicou que tras anos denunciando “os comportamentos machistas que sosteñen o sistema económico e social no que vivimos, artellando propostas para que os poderes públicos incorporen de maneira transversal a perspectiva de xénero tanto na análise das causas da violencia machista como nas posíbeis solucións, nesta ocasión acusamos directamente ao Goberno da Xunta como responsábel e cómplice da violencia institucional”.
Como exemplo, referiu o apoio público ofrecido polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, a un imputado por agresión sexual como o ex conselleiro do Mar, Alfonso Villares, poñendo en dúbida a muller que o denunciou; mais salientou que tamén constitúe violencia institucional o modelo de servizos sociais aplicado pola consellaría de Política Social, coa conselleira Fabiola García como “máxima responsábel da situación de precariedade, pobreza laboral e infravaloración dos traballos profesionais de coidados e de atención ás persoas”.
A secretaria das Mulleres da CIG advertiu que o desmantelamento das políticas de igualdade e a tolerancia de condutas machistas desde o poder que ostenta o PP, transmiten mensaxes perigosas que normalizan a violencia e deixan as mulleres máis desprotexidas. “Queremos denunciar estes retrocesos, esixir responsabilidades políticas e reclamar servizos públicos, igualdade real e protección efectiva para todas as mulleres en Galiza”, aseverou. “Porque non importan as leis se non se executan. Non abonda introducir epígrafes nos orzamentos dirixidos á igualdade se ao final se opta polo lucro derivado da privatización de servizos esenciais que deberían ser universais”.
Parálise nas políticas de igualdade
Corral denunciou que a supresión da Secretaría Xeral de Igualdade, que ficou reducida a unha dirección xeral, desvinculando a violencia de xénero da promoción da igualdade e poñendo á fronte do departamento a un home de perfil técnico, constituíu “a maior parálise na institucionalización das política de igualdade de xénero dende a supresión do Servizo Galego de Igualdade”. Esta decisión levou a CIG, xunto con outros 41 colectivos feministas, a solicitar en xuño do ano pasado a intervención da Valedora do Pobo.
Á modificación no organigrama da Xunta hai que sumarlle un descenso nos orzamentos da Xunta dirixidos á loita contra a violencia de xénero do 6,4% con respecto a 2025, xusto cando a taxa de violencia de xénero en Galiza aumentou case un 10% a respecto de 2024. “De media, os xulgados de violencia contra as mulleres reciben 21 denuncias, case unha denuncia cada hora”, alertou. “É máis, podemos afirmar que a metade dos orzamentos destinados a violencia non van destinados ás mulleres”.
A isto engadiu que os centros de atención ás vítimas 24 horas están en mans de empresas privadas, a aplicación dunha política social baseada na mercantilización dos coidados coa privatización dos servizos e a precarización das condicións laborais, ou a falta de desenvolvemento da Lei de Dependencia.
Alzar a voz ante quen ten responsabilidades
Fronte a isto, reclamou a recuperación da Secretaría Xeral de Igualdade e do Servizo Galego de Igualdade, con orzamentos e persoal efectivos, un sistema público galego de atención ás persoas, e que os centros de Crise 24 horas e os Centros de Información ás Mulleres sexan recursos públicos, xestionados directamente pola administración, con persoal competente e que dean cobertura a todo o territorio.
Margarida Corral puxo énfase en que a CIG non só denuncia estas situacións, senón que “unha vez máis artellamos propostas para garantir a eliminación da violencia contra as mulleres e camiñar cara a tan ansiada igualdade real. Mais non imos ficar caladas cando quen ten a responsabilidade de protexer ás vítimas e castigar a violencia se pon do lado do depredador”. “Imos alzar a voz dándolles a palabra ás protagonistas desta violencia institucional que non cesa: a das mulleres acosadas, agredidas, precarizadas e empobrecidas por mor das decisións políticas do goberno da dereita na Galiza”, afirmou. E ante a negativa do PP a recibilas nin sentar a negociar, a CIG levará a voz de todas estas mulleres á sede do PP.
Precísanse medidas e non propaganda
A secretaria das Mulleres da CIG foi moi crítica tamén co Goberno do Estado por limitar a súa acción á propaganda e facer grandes anuncios “que non se materializan en medidas reais nos centros de traballo, nin protocolos efectivos que preveñan, actúen e sancionen os acosos nas empresas”.
Reivindicou o inmediato desenvolvemento normativo do Convenio 190 da OIT para garantir unha protección real contra todo tipo de violencia e acoso no traballo e, ante os fallos detectados no sistema de denuncia e na atención ás vítimas de violencia machista, pediu que se realicen informes de investigación e se acheguen solucións efectivas para garantir a protección.
Margarida Corral rematou a súa comparecencia facendo un chamado á sociedade galega á participar nas mobilizacións convocadas para a tarde do 25 de novembro pola Marcha Mundial das Mulleres e outros colectivos feministas do país, dos que a CIG forma parte.

