A CIG anima a participar no acto nacional deste sábado contra a emerxencia lingüística

Convocado por Queremos Galego para presentar o protocolo ‘Lingua Vital’, comezará ás 12h na Praza da Quintana

A CIG chama a participar na asemblea nacional que a plataforma cidadá Queremos Galego ten convocada para o vindeiro sábado, 14 de marzo, en Santiago de Compostela contra a emerxencia lingüística.

O acto comezará ás 12 horas na Praza da Quintana e durante o mesmo presentarase o protocolo resultado do proceso Lingua Vital, que parte dos obxectivos e dos acordos estabelecidos arredor da lingua e establece accións concretas que comprometen na defensa activa do galego tanto aos poderes públicos como ás entidades sociais.

De cara á facilitar a asistencia ao acto nacional do vindeiro sábado, a plataforma pon a disposición da cidadanía autobuses dende as principais cidades e vilas do país. Podes consultar horas e lugares neste ligazón:

 Encontro coa CIG

A pasada semana, dentro da rolda de contactos coas distintas organizacións, Marcos Maceira e Celia Armas, en representación de Queremos Galego, reuníronse co secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e coa secretaria de Organización, Susana Méndez, para avanzarlle as conclusións do proceso Lingua Vital.

Normalización da lingua galega

Perante a situación de emerxencia lingüística que de novo mostraron os últimos datos oficiais, e tal e como foi anunciado nas masivas manifestacións do 23 de febreiro e 17 de maio de 2025, entidades sociais de todo tipo, entre elas a CIG, iniciaron o proceso social Lingua Vital co obxectivo de deseñar un protocolo que, partindo dos obxectivos e acordos unánimes arredor da lingua e da súa avaliación, impulse accións para colectivamente avanzarmos no proceso de normalización da lingua galega.

Un proceso con medidas que deben ser atendidas polos poderes públicos mais que tamén precisan do compromiso na súa aplicación por entidades e colectivos sociais, coordinadamente ou no seu ámbito de actuación.

O proceso social Lingua Vital contou coa participación de 57 colectivos diversos de ámbito nacional, un centenar de persoas nos diferentes grupos de traballo para cada sector da sociedade, centos de entidades sociais apoiantes e máis de 1.300 achegas en asembleas comarcais e online.

O resultado deste proceso presentarase o vindeiro 14 de marzo, ás 12h, na Praza da Quintana de Santiago: un protocolo de actuación para o conxunto de organizacións e do tecido asociativo galego actuar en cada ámbito e para os poderes públicos modificaren todo o preciso para garantir a nosa lingua en todo e para todo.

Volver