A CIG alerta dunha nova trampa na suba salarial que negocian os sindicatos estatais e o Goberno español

O sindicato maioritario en Galiza denuncia a súa exclusión das negociacións, incumprindo a normativa legal e denuncia unha nova fase de perda de poder adquisitivo

O Ministerio de Función Pública, obviando a obriga legal de incorporar á CIG e aos sindicatos vascos ELA e LAB, como sindicatos que contan coa condición de máis representativos segundo a Lei Orgánica de Liberdade Sindical, está a manter unhas negociacións limitadas con CCOO, UGT e CSIF para un novo acordo salarial plurianual. A CIG considera este feito como de extrema gravidade e impropio dun goberno que se autoproclama “progresista”, retratando a todos os que se sentan nesa “negociación”.

Para alén das formas, o que se sabe desas reunións é moi preocupante, xa que o que está agora mesmo enriba da mesa é unha proposta que non recupera o poder adquisitivo perdido no último pacto sindical estatal (neste caso só coa complicidade de CCOO e UGT). Só nos tres anos de vixencia dese acordo (2022 a 2024) as empregadas e os empregados públicos perdemos un 2,3% de poder adquisitivo, xa que os nosos salarios subiron un 9,8% ao tempo que o IPC escalaba até o 12,10%. Nada se di sobre esa perda, renunciando novamente, como xa fixeron os mesmos protagonistas, ao desfase entre soldos e prezos (e que supera o 20% desde 2010).

Un acordo plurianual sen cláusula de revisión salarial é garantía dun novo fracaso para o persoal do sector público

Do que se sabe de momento hai dúas cousas claras: o goberno volve xogar ao engano dun acordo plurianual desvinculado por completo da marcha do custe da vida. A oferta ministerial está no 11% en 4 anos (de 2025 a 2028). Isto, de partida, implica ter durante máis tempo atada unha suba sen saber que vai pasar cos prezos e facelo por debaixo do anterior acordo: o resultado do período 2022-24 (sempre por debaixo dos prezos reais) supuxo unha suba media anual do 3,26%. A nova proposta, a catro anos, suporía unha suba anual media do 2,75%, sendo a proposta actual do goberno dun 2,5% para o 2025 e dun 1,5% para o 2026, sumando un 4% nestes dous primeiros anos dos catro previstos. Aínda subindo algo estas porcentaxes estariamos por debaixo do IPC real deste ano e seguramente do que dea de si o ano que vén. De novo, un escándalo promovido polo goberno e patrocinado por quen llo permite.

Mentres isto pasa nesas reunións, o último IPC interanual coñecido, do mes de outubro, está no 3,1% e a suba das pensións para o 2026 prevese que sexa do 2,7% (o valor do IPC medio interanual). Isto é, todo indica que as retribucións dese pacto poidan quedar por debaixo do custe da vida e mesmo novamente por debaixo da suba das pensións.

A proposta da CIG: recuperar poder adquisitivo e vincular os salarios co IPC

A CIG trasladou hai meses ao Ministerio de Función Pública a súa proposta, centrada en non renunciar ao que levamos perdido, cando menos no último pacto sindical estatal, e asegurar que non volva acontecer. Estes son os puntos defendidos polo sindicato:

  • Establecer unha cláusula de garantía salarial real, ligada ao IPC e blindada por lei, para garantir que se manteña o poder adquisitivo das e dos empregados públicos.
  • Aplicar unha suba salarial do 5% para o ano 2025, como primeiro paso para a recuperación económica do persoal empregado público.
  • Negociar a recuperación do poder adquisitivo perdido; cando menos, como froito do último acordo (o que implicaría asumir o que a CIG propuxo no 2022: igualar co IPC ao final do ano se a suba ficaba por baixo dos presos).
  • Recuperar o pago íntegro nas pagas extraordinarias.

Volver