A CIG aborda coa Intersindical catalá e valenciana o papel dos sindicatos nacionalistas e de clase nos conflitos laborais docentes

A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, expuxo a resistencia do goberno galego a negociar, a censura mediática e a submisión dos principais sindicatos estatais como feitos diferenciais do conflito galego.

O deterioro do ensino público e a desvalorización da profesión docente como orixe común do conflito e tres realidades diferentes en canto á actitude dos gobernos autonómicos, a unión sindical e a estratexia de loita. Estes foron os eixos sobre os que xirou un encontro celebrado entre representantes da CIG-Ensino, a Intersindical catalá e o STEPV, principal sindicato da Intersindical valenciana, para analizar as mobilizacións docentes que se viviron historicamente nestes tres territorios ao longo deste curso.

Desde 1988 non se produciu un curso académico tan conflitivo como o que acaba de rematar en Galiza, Catalunya e o País Valencià. Esta coincidencia temporal e o feito de que a CIG mantén unhas relacións estreitas tanto coa Intersindical catalá como coa valenciana propiciou un encontro online entre representantes sindicais dos tres territorios. Nel abordáronse as principais problemáticas que deron orixe a estes conflitos que en moitos casos son comúns: aulas masificadas, falta de medios para atender a cada vez maior diversidade e ao alumnado vulnerábel, recortes de persoal docente e non docente, deficiencias estruturais dos edificios e o novo desafío da climatización das aulas, perda de dereitos e de poder adquisitivo e unha desvalorización da profesión docente auspiciada polas propias administracións autonómicas. Porén, tamén se puxeron de manifesto algunhas diferenzas de partida como a cuestión salarial que ten moito máis peso nas reivindicacións do profesorado en Catalunya e no País Valenciá porque partían de soldos máis baixos que os galegos, os ataques contra a presenza das linguas oficiais no ensino, con máis incidencia en Galiza e no País Valenciá por ser un sinal de identidade dos gobernos do PP e neste último caso co apoio de Vox, a resposta ao intento de censura a través da neutralidade ideolóxica que primeiro lanzou a Consellaría galega ou a confluencia das reclamacións do persoal do ensino concertado co do público, ao ter moita máis implantación nos dous territorios do Mediterráneo.

No encontro, no que participaron a secretaria nacional, Laura Arroxo, e a secretaria de Comunicación, Montse Pernas, por parte da CIG-Ensino; Marc Candela e Lluís Navarro, responsábeis de Acción Sindical do Sindicato de Traballadores de Ensino do País Valencià (STEPV) e participantes na Mesa negociadora durante a folga indefinida, así como Víctor Vallejo e Marc Santasusana, delegados da Intersindical-CSC (Confederació Sindical Catalana), púxose de manifesto a necesidade de abordar desde unha perspectiva nacionalista e de clase os conflitos laborais docentes, así como de defensa dos servizos públicos, implicando a toda a sociedade na súa protección. Con este obxectivo é co que na reunión se foron detallando como se chegaron a producir os diferentes escenarios de loita nos tres países durante este curso, con folgas xerais, territoriais ou no caso valenciano de carácter indefinido; mobilizacións nacionais e descentralizadas; accións de visibilización do conflito nos centros e nas rúas... Analizaron tamén o papel das asembleas docentes na autoorganización do profesorado nos centros e a necesidade de contar cunha caixa de resistencia para facer fronte a folgas sostidas no tempo en todos os sectores, unha ferramenta na que a CIG foi pioneira a nivel estatal coa súa creación en 2007 e que por primeira vez este curso se puxo a disposición do colectivo docente.

O goberno galego, o máis antidemocrático e refractario á negociación

Unha das principais conclusións ás que se chegou no encontro é que a Consellaría de Educación galega é a que actúa con máis soberbia e a que menos respecta a representación legal do persoal docente dos tres territorios. Mentres que en Catalunya e no País Valenciá as negociacións foron no marco da Mesa Sectorial aquí, de poder cualificalas como tal, producíronse á marxe desta empregando a Comisión de seguimento do mal chamado Acordo de Melloras do ano 2023. Esta diferenza contrasta co feito de que en Catalunya se reabriran as negociacións, malia que o goberno en minoría do PSC xa pechara un acordo salarial con CCOO e UGT, despois das convocatorias de folga de fin de curso e mellorara a súa proposta inicial que foi rexeitada nun referendo levado a cabo por tres sindicatos pero que se vai materializar nos vindeiros meses. No País Valencià, cun goberno en minoría neste caso do PP tras a dimisión do expresidente Carlos Mazón e do cambio á fronte da Consellaría, despois do primeiro día de folga xa comezaron as negociacións e durante a indefinida algún día duraron máis de 10 horas, mantendo reunións en domingo, retransmitíndose en directo e continuando  durante o verán.

Para a secretaria nacional da CIG-Ensino esta diferenza de actitude dos gobernos autonómicos é chave á hora de conseguir avances e, polo tanto, de transmitirlle ao profesorado que a loita dá os seus froitos.  Na súa opinión, o feito de que o Partido Popular galego teña maioría absoluta e non teña eleccións autonómicas á vista, como as que se van celebrar o vindeiro ano en Catalunya e o País Valencià, fai que se vexa menos presionado a aceptar as reivindicacións docentes. Despois de que Marc Candela explicara como a última proposta da Consellaría valenciana incluía varios puntos que o profesorado puido votar un por un e que algúns implicaban melloras a respecto incluso do que inclúe o Proxecto de Lei de Ministerio sobre ratios, Arroxo expuxo que a proposta da Consellaría galega en tema de ratios e horarios para secundaria é totalmente insuficiente e foi rexeitada polo 90% do profesorado nunha enquisa lanzada a finais de curso polo sindicato. “Lamentabelmente é tan pobre o que nos presenta a Xunta que nin sequera se pode tomar como unha mellora real. Ademais, nestes momentos xa estamos vendo que non se está producindo o incremento de cupo xeneralizado que tiña que vir asociado á rebaixa ás 18 horas nos centros de secundaria, polo que se confirma que era un acordo insuficiente, que nin sequera se vai cumprir e que vai contribuír a dividir aínda máis ao profesorado entre colectivos, que é o fin que persegue a Xunta”.

A unión sindical como punto de partida en todos os territorios agás en Galiza

Outro elemento que marcou unha notábel diferenza nos tres conflitos foi a unión sindical, un aspecto que todos os asistentes recoñecen que o profesorado valora como moi importante pero que en Galiza xa se rachou antes da sinatura do Acordo de 2023. Tal e como indicou Laura Arroxo, “desde entón a actitude dos sindicatos estatais con representación na Mesa sectorial galega (CCOO, ANPE e UGT) foi de entrega total ás políticas da Consellaría colaborando na campaña electoral de Alfonso Rueda como candidato á Xunta e chegando a boicotear a última folga de abril ao aparecer nunha rolda de prensa co conselleiro dous días antes cun anuncio sobre ratios e horarios sen presentar ningún documento concreto”, comentou.

Porén, en Catalunya todos os sindicatos comezaron as mobilizacións de forma unitaria e CCOO e UGT, minoritarios, acabaron asinando co goberno do PSC o acordo salarial, cunha forte oposición do profesorado que intensificou as mobilizacións a partir dese momento forzando ao goberno a mellorar esa proposta inicial. No País Valencià todos os sindicatos convocaron a primeira folga, agás Anpe que, sen embargo, si que se sumou, sen chegar a convocala, á folga indefinida. A unidade quedou rachada cando Anpe e CSIF, tamén minoritarios, asinaron o acordo salarial pero o resto de sindicatos mantiveron a presión e a folga indefinida. A día de hoxe esta está suspendida e continúan as negociacións. En ambos os dous casos as conselleiras de Educación implicáronse directamente nas mesmas.

En Galiza, pola contra, Román Rodríguez non compareceu nunca na Mesa Sectorial en todos os anos nos que leva no cargo e só aparece nas fotos propagandísticas dos acordos, ademais de empregar os altofalantes mediáticos para cargar contra a CIG e desprezar a súa condición de sindicato maioritario ou cualificar a folga de “política”. Neste sentido, Laura Arroxo destacou que “o PP galego só respecta a súa maioría pero cando se trata da que lle outorga o profesorado galego á CIG desprézaa” e lamentou a diferenza na atención mediática que recibiron os tres conflitos, tanto en cada país como a nivel estatal. “A Xunta exerce un control absoluto sobre os medios públicos e tamén sobre a maior parte dos privados en Galiza e os medios estatais ou non teñen delegacións territoriais ou se as teñen priorizan os contidos centralistas e do Levante. Galiza é periferia tamén no sistema mediático”, indicou. “O feito de que en abril o profesorado galego era o que máis folgas xerais secundara no que ía de curso, con seis xornadas, practicamente as mesmas que despois se convocaron en Catalunya a nivel xeral, non tivo o impacto mediático que merecía e aínda que contactamos directamente con xornalistas dos medios estatais, sobre todo cando pasamos a noite en máis de 20 centros educativos ou simbolizamos o enterro do ensino público cunha manifestación histórica en Santiago, recoñecéronnos que colocar a axenda galega en Madrid ‘non vende’. En calquera caso, as mobilizacións galegas foron porcentualmente igual de secundadas que nos outros territorios e o profesorado galego ten que estar moi orgulloso da loita deste curso dado que reunir a 5.000 docentes en Compostela dun total de 30.000 coa dispersión xeográfica que temos ten moito mérito, tendo á contra ao sistema mediático, á Consellaría e ao resto de sindicatos estatais con representación na Mesa”, comentou. O cadro de persoal docente do sector público é moito máis numeroso nos outros territorios, con até 78.000 no País Valencià e 90.000 en Catalunya.

Todos os representantes sindicais coincidiron en que a defensa da dignidade docente foi un elemento central que mobilizou ao profesorado e que actuou de punto de unión e que hai que aproveitar estes conflitos para facer “pedagoxía da loita”. Así, en Galiza a Consellaría viuse obrigada a emendar o acordo con dúas addendas, a das ratios e a dos horarios en secundaria, respondendo, aínda que de forma insuficiente, ao colectivo máis mobilizado despois de dous anos de parálise e incumprimentos. “A loita sempre merece a pena”, concordaron. Neste sentido os membros da Intersindical-CSC aludían tamén a facer “bandeira das vitorias” referíndose a que a suba salarial que aprobou finalmente a Generalitat, de entre 500 e 600 euros, “ten que reservarse para as folgas que virán”.

A mesma loita, diferentes estratexias

O encontro foi moi satisfactorio para todas as partes porque se puideron compartir experiencias e analizar erros e acertos de cara a como encarar o próximo curso. Desde a CIG-Ensino analizouse que a concentración no primeiro trimestre das folgas para intentar condicionar os orzamentos e contar con avances xa en setembro fixo que se perdera forza no segundo trimestre de cara ao terceiro “no que se puido ter apertado máis á administración, como era a nosa intención inicial, porque as accións nos centros son importantes pero manteñen as reivindicacións atomizadas e a administración teme máis unha mobilización multitudinaria”, opinou Arroxo.

Con respecto á folga indefinida tamén coincidiron en que se trata dunha medida totalmente excepcional que hai que traballar con antelación (no País Valencià comezouse a definir en outubro co horizonte do mes de maio) e que por iso mesmo é moi complicado que triunfe a comezos de curso, dado que dá marxe aos gobernos para aguantar o pulso. A este respecto Marc Candela, membro do equipo negociador do STEPV, relatou todo o traballo realizado durante o curso, marcado tamén pola traxedia da Dina, e as friccións que tiveron cos outros sindicatos. Recoñeceu que durante o mes que durou a folga indefinida “houbo días de subidón e outros de baixón, con moita tensión nas negociacións” e que agora “todo está mesturado porque se están negociando os orzamentos para 2026 á vez”. Os representantes da Intersindical amósanse satisfeitos porque o profesorado catalán levaba moitos anos sen mobilizarse e este curso fíxoo con moita intensidade. Neste sentido, o profesorado galego é o que xa viña sostendo máis mobilizacións nos últimos anos, sobre todo desde o Acordo do 23. Nos tres países valorouse como positiva a aparición de movementos asemblearios que propiciaron unha maior implicación e participación do profesorado nas mobilizacións, así como a visibilización de cara á comunidade educativa das problemáticas de cada centro aínda que, ao tratarse de organizacións de clase, entenden que a ferramenta máis útil para o profesorado é organizarse activamente a través de sindicatos, daqueles que realmente defenden os intereses de todo o persoal traballador.

Por último, os asistentes coinciden en que a defensa das linguas propias tamén é unha causa común e que esta cuestión excede o ámbito estritamente educativo e laboral. No País Valencià as familias votaron a favor do ensino en valenciano en 2023 dándolle a volta á consulta orquestrada polo goberno de PP e Vox, e nestes intres o partido ultradereitista mantén a cuestión da lingua bloqueada. En Catalunya a cuestión da lingua está presente na táboa reivindicativa das mobilizacións coa creación dunha coordinadora pola lingua, mentres en Galiza a CIG-Ensino articula a resposta á política lingüística da Xunta, na que especialmente a Consellaría de Educación ten cargos que perfectamente encarnan as ideas de Vox, a través da súa participación activa na Plataforma Queremos Galego e que despois da presentación do Plan pola Lingua se verá intensificada nos próximos meses coa presentación dunha Iniciativa Lexislativa Popular para intentar reverter a emerxencia lingüística.

Volver