A caravana reivindicativa chega a Compostela para exixir melloras laborais nos sectores da discapacidade, menores e educación infantil 0-3

Teñen convocada para mañá unha manifestación desde o Monte do Gozo, ás 11:00h, até San Caetano e unha nova xornada de folga á que se sumará o persoal dos centros públicos de 0-3

Arredor de 40 coches participaron esta mañá na caravana reivindicativa convocada para reclamar melloras laborais, sociais e salariais, convenios dignos e unha atención de calidade nos sectores de discapacidade, menores e educación infantil 0-3. Para mañá mércores, día 3 de xuño, está prevista a convocatoria dunha manifestación, con saída ás 11:00 horas, do Monte do Gozo e chegada ao edificio administrativo da Xunta en San Caetano (entrada do rexistro). Unha xornada de folga á que se sumará o persoal dos centros de ensino infantil 0-3 anos dependentes dda consellaría de Política Social.

Ao remate da caravana, as organizacións sindicais volveron poñer o foco nas condicións laborais que soportan as traballadoras e traballadores dos tres ámbitos, que cualificaron de cada vez máis precarias. Neste senso, denunciaron que a Administración continúa sen atender unhas demandas que consideran imprescindibles tanto para dignificar o emprego como para asegurar unha atención axeitada ás persoas usuarias dos servizos.

Entre os principais problemas sinalaron uns salarios que, en numerosos casos, apenas superan o Salario Mínimo Interprofesional, a existencia de ratios excesivas, o incremento constante das esixencias físicas e emocionais do traballo e as dificultades que atopan as profesionais para compatibilizar a súa vida laboral e familiar.

As organizacións convocantes lembraron que esta situación non é nova e que, durante os últimos anos, desenvolveron numerosas iniciativas de protesta —desde concentracións e manifestacións até peches, escraches e folgas— para reclamar melloras laborais e a apertura de procesos reais de negociación. Porén, censuraron a falta de interlocución da Consellaría de Política Social, asegurando que as reiteradas peticións de reunión trasladadas á conselleira, Fabiola García, continúan sen obter resposta.

Ao seu entender, este bloqueo non só evidencia a falta de vontade política para abordar os problemas do sector, senón que supón tamén unha desatención ás necesidades das persoas usuarias e das súas familias, que reclaman servizos públicos dotados dos medios humanos e materiais necesarios.

Reivindicacións por sectores

No ámbito da discapacidade, incluído o servizo de atención temperá, reclaman a aplicación inmediata dos incrementos salariais recollidos no XVI Convenio Estatal, a constitución dunha mesa tripartita entre Administración, sindicatos e patronais para negociar un complemento salarial autonómico e unha maior dotación de recursos humanos e materiais que permita reducir ratios e mellorar a atención.

No caso da educación infantil 0-3 anos, demandan a integración das escolas infantís na Consellaría de Educación para recoñecer plenamente o seu carácter educativo, a unificación das táboas salariais do XIII Convenio Estatal e a apertura dunha mesa tripartita galega que permita negociar un complemento autonómico, reducir ratios e mellorar a calidade educativa. Tamén solicitan máis persoal mediante a implantación da parella educativa e un incremento dos recursos materiais.

Marco Galego de Relacións Laborais

As organizacións sindicais insistiron en que a mellora das condicións laborais, sociais e salariais destes sectores pasa necesariamente por reforzar a negociación colectiva en Galiza e por desenvolver plenamente o Marco Galego de Relacións Laborais a través do Consello Galego de Relacións Laborais.

Nesa liña, defenden a adopción de acordos que permitan avanzar na equiparación salarial mediante complementos autonómicos, diminuír as ratios de atención, mellorar as condicións de traballo e incrementar os recursos dispoñibles nos centros. Como exemplo das posibilidades desta vía, puxeron en valor o acordo acadado recentemente no sector de menores, que consideran unha referencia para os ámbitos da discapacidade e da educación infantil.

Finalmente, responsabilizaron ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, do clima de conflito laboral existente en distintos servizos públicos e acusárono de manter unha política que dificulta a negociación e perpetúa as carencias actuais. Fronte a esta situación, advertiron de que continuarán mobilizándose até conseguir avances efectivos nas condicións laborais e salariais, a redución das ratios e das cargas de traballo e a implantación dun complemento autonómico galego para os tres sectores.

Volver