A asesoría xurídica da CIG-Ensino gaña unha sentenza que declara ilegal o cese do director da Illa de Arousa por retrasar un día o inicio de curso por falta de profesorado

Para a CIG-Ensino a sentenza evidencia unha actuación do xefe territorial de Pontevedra represiva e contraria a lei

O xulgado contencioso administrativo nº3 de Pontevedra vén de ditar sentenza firme en contra da actuación da Consellaría de Educación por cesar ao director do IES llla de Arousa en decembro de 2013 despois de abrirlle expediente de revogación no seu cargo por retrasar un día o inicio de curso 2013-2014 a causa da falta de profesorado no centro.

O expediente administrativo aberto pola consellaría no ao director seu día produciuse despois de que o propio director se puxera en contacto coa inspección educativa para saber se Educación tiña previsto dotar ao centro dun profesor máis, xa que a falta de docentes suficientes non permitía cubrir as gardas, desenvolver o Plan de Convivencia, o proxecto Abalar, atender a biblioteca do centro e configurar os grupos de alumnado etc. sen ter contestación até xa iniciado o curso.

Trátase dunha sentenza firme que anula a resolución da Xefatura Territorial de Pontevedra pola que se cesou e se inhabilitou para postularse como director nos próximos anos ao director do IES Illa de Arousa e condena á consellaría a abonarlle ao director o importe de 8.644 euros e os intereses correspondentes que é o que tiña que percibir polo seu cargo desde que foi cesado no inicio do curso 2013-2014. Así mesmo condena á consellaría a pagar as costas. 

A sentenza recolle que a consellaría vulnera o dereito a defensa do director por denegación inmotivada da proba pertinente, considerando exclusivamente a versión apreciada polo inspector educativo que foi “hipercualificada” fronte a indefensión do director.

Para a CIG-Ensino a sentenza evidencia unha actuación do xefe territorial de Pontevedra  represiva, autoritaria e de abuso de poder contra unha actitude sensata, correcta e dignificante do director que o único que perseguía era un profesor imprescindible para o funcionamento normal do centro. A contundencia da sentenza esixe do conselleiro de Educación o cese fulminante do xefe territorial xa que confirma a denuncia feita no seu día pola CIG-Ensino e máis de 5.000 sinaturas do profesorado de que esta sanción o que perseguía era amedrentar e calar as voces reivindicativas que esixen máis profesorado nos centros para mellorar a calidade no ensino.


Volver