A Área Pública da CIG chama a participar na concentración do martes 16 por uns servizos públicos de calidade

A protesta desenvolverase diante do Parlamento galego ás 11:30 horas, coincidindo coa votación da Lei de Orzamentos

A Área Pública da CIG (CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde) chama a participar na concentración convocada para o próximo martes, 16 de decembro, ás 11:30 horas, diante do Parlamento Galego, coincidindo co debate e votación da Lei de Orzamentos da Xunta para o próximo ano.

Coa protesta, convocada pola Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos, quérese demandar uns servizos públicos de calidade e rexeitar ás reducións salariais e o recorte das pagas extraordinarias que mantén a Xunta de Galiza para o persoal ao servizo da administración galega. Neste senso, dende a Área Pública da CIG, lembra que dende o ano 2010 os traballadores e traballadoras ao servizo das administracións perderon un 30,9% da súa capacidade retributiva, que seguirá afondando, xa que o para o próximo ano a Xunta mantén o recorte do 40% nas dúas pagas. A central sindical esixe un cambio nas políticas neoliberais do executivo galego; a recuperación do poder adquisitivo do persoal dependente da Xunta de Galiza e a supresión das taxas de reposición que afogan os servizos públicos minguando a súa calidade. Para a Área Pública queda claro que a pretensión do executivo galego é ir desmantelando os servizos públicos. Só así se explica que desde o ano 2009 os orzamentos destinados ao ensino público diminuíran en 660 millóns de euros, o que ten provocado carencias que se evidenciaron especialmente ao comezo deste curso escolar, sobre todo coa falta de profesorado. Os orzamentos en Sanidade tamén sufriron unha diminución, desde o ano 2009, en 400 millóns de euros. Unha cantidade non se compensa cos 11 millóns que se incrementan para o 2015. Máis cando, en realidade, estes 11 millóns de euros irían destinados a pagar os canons das privatizacións. Fronte a isto, a CIG alerta da diminución dos orzamentos destinados a Atención Primaria, Protección e Promoción da Saúde Pública, a Investigación Sanitaria e a formación de graduados e postgraduados.

A Área Pública da CIG chama a participar na concentración do martes 16 por uns servizos públicos de calidade

Volver