Convocada nova Mesa Docente estatal para modificar o Real Decreto de Concurso de Traslados

Terá lugar o xoves 9 de maio e xa contamos co terceiro borrador remitido polo Ministerio

Un terceiro borrador do Real Decreto que modificará o Real Decreto 1364/2010 que regula o Concurso Xeral de Traslados foi remitido polo Ministerio de Educación para a súa negociación cos sindicatos que temos representación na Mesa Docente estatal, nunha reunión que terá lugar o vindeiro xoves 9 de maio e ao que se pode acceder nesta ligazón.

Segundo informou o Ministerio haberá unha negociación previa coas direccións xerais de persoal das diferentes comunidades autonómicas uns días antes.

En principio este terceiro borrador partiría xa das propostas que tanto sindicatos como Consellarías lle teriamos achegado ao Ministerio aínda que agardamos a que tanto Ministerio como administracións autonómicas estean abertas a asumir máis cambios na liña de reforzar a valoración do traballo docente.

Nos escasos cambios introducidos desde o anterior texto cabe salientar o aumento da puntuación e formación que na anterior proposta se quedaba nos 6 puntos malia aumentar ese apartado a 15 puntos. Agora esa puntuación sobe a 9 puntos, mantendo a proporcionalidade anterior (60% da puntuación do apartado). Aumentar o peso da formación foi unha das propostas da CIG-Ensino (o sindicato propuxo e mantén que se eleve a 10 puntos). Tamén que se asuma a referencia expresa solicitada pola CIG-Ensino ás ensinanzas artísticas superiores en referencia á súa plena homologación a titulacións universitarias.

A CIG-Ensino incidirá na reunión do xoves 9 naqueles aspectos que non se tiveron en conta das nosas propostas e que entendemos que melloran substancialmente a proposta ministerial.

 

Volver