A Xunta segue mantendo os recortes no Fondo de Acción Social

O profesorado segue sen recuperar as axudas que tiña este Fondo, que se limitan unicamente á atención de persoas con discapacidade

A proposta de Acordo do FAS segue a vir unicamente con axudas para atención de persoas con discapacidade, polo que mantén limitadas as axudas iniciais deste Fondo de Acción Social como a xubilación, a discapacidade propia, por fillos/as menores, maiores a cargo, axuda aos estudos de fillos/as e propios, adquisición de vivenda, gastos sanitarios e ópticos.

Todos estes recortes no FAS comezaron no ano 2012 da man da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza, unha lei ditada ao abeiro dunha crise económica xa superada e da que o goberno do estado español xa ten levantado todas as limitacións de orzamento que puideran ser xustificación destes recortes. No cadro que vai deseguido vese a diferenza do FAS do ano 2010 comparado có actual.

Na proposta que presenta a Administración Autonómica, a única novidade con respecto o anterior FAS é o aumento do nivel das rendas anuais das persoas causantes, que se ve incrementado este límite dos 13.300 euros a 14000. A cantidade desta axuda fica en 2.160 euros por causante, exactamente igual que no ano 2020, 2021 e 2022, así que non se actualizou nin tan sequera o IPC destes tres últimos anos.

Dende a CIG observamos no texto enviado que non se emprega unha linguaxe neutra, inclusiva e respectuosa. No texto desta proposta emprégase unha linguaxe sexista, contravindo a normativa de xénero.

Na CIG insistimos nas alegacións presentadas en anos anteriores e que se resumen en:

  • Subir o importe actual como mínimo conforme o IPC dos últimos 3 anos, para esta axuda.
  • Recuperación de todas as modalidades de axudas do FAS que tiñamos antes dos recortes, e aumentalas progresivamente.
  • Recuperación dos importes substraídos no 2012 e chegar ao 1% da masa salarial.
  • Compatibilizar as axudas do FAS con outras que se poidan percibir, e que a resolución e aboamento sexa no mesmo ano natural da convocatoria para evitar os problemas con declaracións complementarias de IRPF.
  • Que todas as axudas que se concedan sexa proporcionais ao nivel de renda das familias.
  • Solicitamos que esta axuda se inclúa para o persoal funcionario distribuída mensualmente na nómina, co mesmo sistema que ten o persoal laboral da Xunta. De non facerse así supón un agravio para o persoal funcionario público que ten que facer a petición cada ano e entregar a documentación xustificativa e cobrala con máis de un ano de retraso, xa que este ano 2024 estamos falando da axuda do ano 2023 que se comezaría a cobrar en nómina en xaneiro dese ano. Dende a Dirección Xeral de Función Pública, prometeran no pasado exercicio que ía ser deste xeito. Dende a CIG instamos a que se faga De novo este ano volveron a comprometerse a sacar unha norma que indique que documentación se precisa e que procedemento hai que cubrir de tal maneira que cada Consellería xestione despois as súas propias axudas.
  • Os prazos para solicitar o FAS non deben coincidir en ningún caso co mes de agosto. Se non se aceptan as demandas de modificación total do documento, e a apertura dunha negociación para a recuperación dos nosos dereitos, a publicación desta axuda debe facerse canto antes para así podernos garantir o pagamento dentro do presente ano. En resposta a este punto comunicáronnos que intentarán publicar esta axuda neste mes de maio, despois de pasar polo vindeiro Consello de Xunta.
  • Parécenos inxusto que o FAS da Xunta non contemple axudas que compañeiros e compañeiras da mesma Xunta de Galicia ou doutras administracións que pertencen a MUFACE si teñen. Pedimos que dende a Xunta de Galiza se igualen, cando menos, estas axudas.

Volver