A decisión da Consellaría de ir ao máximo de horas de formación na empresa implicará unha perda na calidade da FP

A CIG-Ensino alerta de que o tempo de formación dos módulos profesionais nos centros educativos non chegará nin ás 1000 horas nos ciclos medios e superiores, é dicir, nin sequera á metade da súa duración total.

O anuncio do pasado venres do conselleiro de Educación supón unha falta de respecto absoluta cara ao persoal docente, dado que se anuncian decisións transcendentes sen consultalo nin convocar a Mesa Sectorial. A opción de chegar ao máximo de horas de formación na empresa na modalidade de FP xeral que permite o RD estatal, 700 horas nos ciclos medios e superiores, e mesmo de superar as estabelecidas para a básica, 480 horas, vai supoñer unha menor formación dos módulos competenciais nos centros, sobre todo en segundo curso, e en consecuencia unha redución do profesorado destas ensinanzas, un incremento inxente do labor burocrático docente e a aposta por un modelo dual que en Galiza nin demanda o alumnado (máis da cuarta parte das prazas quedaron desertas o pasado curso) nin conta con tecido produtivo para acollelo.

A CIG-Ensino amósase moi crítica co anuncio feito polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, o pasado venres de optar polo máximo de horas que permite o RD 659/2023 para a realización da formación na empresa na modalidade dual ordinaria nos ciclos medios e superiores que entrará en vigor o vindeiro curso en Galiza. Dáse o paradoxo de que no caso da FP básica mesmo se superará o que estabelece como norma xeral a normativa básica do Estado en 80 horas para chegar a un 24% da duración total do ciclo.

Esta decisión contrasta, polo que se coñece até o momento, co que están a facer outras CCAA, e é mesmo contraditoria coa flexibilización que tamén deixaron entrever ambos responsábeis políticos de que esta fase formativa se realizará no centro educativo “cando non existan postos formativos nas empresas”. Hai que ter en conta que esta posibilidade de momento non aparece claramente reflectida en ningunha das normas estatais básicas e que nesta fase de prácticas procedería a cotización do alumnado polo que isto suporía un incremento da xestión burocrática para o profesorado e está por ver como se materializaría.

Segundo o avanzado pola Consellaría así quedaría a implantación destes cambios:

  • Na FP Básica vai reducirse a formación no centro educativo un 8% (até 160 horas en dous cursos, 80 por curso)
  • Na FP de Grao Medio vai reducirse a formación no centro educativo case un 15% (290 horas).
  • Na FP de Grao Superior vai reducirse a formación no centro educativo case un 17% (316 horas).

A norrmativa estatal, de carácter básico, permite incrementar as horas totais dos ciclos formativos entre un 10% e un 40% na FP dual xeral e intensiva respectivamente, con complementos de formación que supoñan unha ampliación curricular. Tendo en conta os propios datos proporcionados pola Consellaría (ver porcentaxes de formación en empresa), non é o caso, polo que é unha falacia afirmar, como subliña a administración, que a ampliación da formación en empresa se fai “mantendo a formación no centro educativo”.

Ademais, así quedaría a distribución entre cursos dos novos módulos, co anuncio da Consellaría de que se duplicará a oferta de inglés en primeiro e segundo, en todos os ciclos, sen ter en conta a súa particularidade. 

Desde a CIG-Ensino, nunha primeira análise, ademais de criticar que se tomase sen unha reunión previa da Mesa Sectorial, na que se escoitase a representación legal do profesorado

e na que este puidese facer achegas, considérase que “a decisión de ir a máximos da Consellaría é na práctica unha dualización total da FP, unha etapa educativa que acadara un éxito e prestixio social nos últimos anos que se van ver claramente resentidos despois da aplicación”. Unha consecuencia clara desta decisión, de non haber rectificación por parte da Consellaría, é que o tempo dedicado aos módulos profesionais nos centros non vai chegar nin á metade das horas totais dos ciclos medios e superiores, se se ten en conta que ás 700 horas na empresa hai que engadir as mínimo 100 horas que terán os novos módulos de inglés e as 210 horas mínimas que sumarían os novos módulos de competencias básicas”. A decisión tamén de aglutinar a maior parte dos novos módulos e as 500 horas de prácticas vai implicar que en segundo curso apenas haxa carga horaria para os módulos profesionais nos centros educativos, polo que desde o sindicato alértase de que a implantación desta reforma, tal e como a deseñou a Xunta, pode supoñer recortes de profesorado. Se até agora o profesorado de FP impartía de media 1600 horas nos ciclos medios e superiores agora pasará a impartir 1200 ou 1300 dependendo de quen dea os módulos de inglés. 

Cómpre lembrar que a modalidade dual actual, ao contrario do que repite insistentemente a Consellaría, non é ningún modelo de éxito. O alumnado amosa que prefire calquera das outras modalidades como se pode ver no estudo comparativo realizado en xullo pasado pola CIG-Ensino no que se contempla o número de prazas ofertadas e as solicitudes en cada unha delas: 

TÁBOA RESUMO GLOBAL 

Réxime
Prazas ofertadas
Solicitudes
Diferenza porcentual

Distancia

7578

16822

221,98%*

Dual

3736

2710

72,54%

Modular

3207

5754

179,42%

Ordinario

25595

80897

316,07%

Total
40116
106183
264,69%
* Moita da demanda existente nos ciclos a distancia é de alumnado que non consegue entrar nos ciclos modulares e ordinarios, que ten unha oferta claramente insuficiente no sistema público.

 

Desde o sindicato seguen recibíndose máis de 10 anos despois da implantación da dual intensiva múltiples queixas cada ano de alumnado sobre os problemas que teñen nas empresas ao respecto das funcións laborais que realizan, que nalgúns casos rozan a explotación e a suplantación de postos de traballo, e da falta dunha titorización real nesta fase formativa. Así mesmo, tamén chegan algunhas avaliacións por parte dos centros de ciclos duais que non están a funcionar, nos que non titula nin a terceira parte do alumnado matriculado e nos que hai moito abandono precisamente polo mal funcionamento desta modalidade. Así pois, a aposta de máximos da Consellaría vai redundar aínda máis nestas problemáticas e faise de costas á realidade socio produtiva galega. Segundo datos do IGE en 2022 en Galiza había 245.728 empresas das cales: 

  • 66,92 % non tiña persoas asalariadas
  • 18,08% tiñan entre 1 e 2 persoas asalariadas
  • 7,47% tiñan entre 3 e 5 persoas asalariadas
  • 3,21% tiñan entre 6 e 9 persoas asalariadas 

É dicir, o 95,38% das empresas galegas teñen menos de 10 persoas asalariadas que, tal e como están definidas na norma as funcións da titoría na empresa, dificilmente as poderán levar a cabo, e só o 0,1% son grandes empresas con 250 ou máis traballadores/as. 

Negociación aberta ao profesorado afectado 

A CIG-Ensino esixe que se convoque canto antes unha Mesa Sectorial para tratar como se vai desenvolver a proposta da Consellaría e que se abra un período de consulta xeral a todo o profesorado no que poida opinar sobre as intencións anunciadas este venres, que se canalizaría mediante a súa lexítima representación sindical, á que a directora xeral de FP leva ignorando desde que tomou posesión do seu cargo. “Non é de recibo que unha reforma de tanto calado se vaia acometer simplemente coa participación do persoal docente no reaxuste dos horarios dos módulos profesionais afectados pola nova normativa”. A CIG-Ensino lémbralle á administración galega que o PP non votou en contra da LOFP e que ten potestade para ampliar un 10% máis a duración total dos ciclos na modalidade xeral e até un 40% na intensiva de forma que pode mitigar o impacto que tería a dualización da oferta educativa da que, lonxe de amosarse crítica, aínda fai unha aposta maior pola mesma. Tamén ten competencias para decidir que o horario dos módulos de inglés non compute dentro das 2000 horas como xa fixo na dual actual e que aínda está a tempo de rectificar e optar pola vía menos lesiva para a calidade formativa, que é manter o máximo de tempo posíbel o alumnado nos centros de ensino, chave do éxito acadado nos últimos anos pola Formación Profesional.

Volver