XXXIII Semana da Educación
Os nomes da beira do mar. Talasonimia do mar de Baiona
Desde a CIG-Ensino e a AS-PG levamos organizando Paseos Pedagóxicos ou Semanas de Educación presenciais desde hai máis de 30. É o caso da Semana de Educación de Pontevedra que cumpriu no pasado mes de setembro o seu trixésimo terceiro aniversario.
O noso cometido á hora de organizar esta formación permanente do profesorado foi sempre a de estudar e pór en valor o noso patrimonio histórico e natural máis próximo. Se o profesorado coñece e valora positivamente a nosa contorna, poderá servir de correa de transmisión para que entre o noso alumnado non se siga dando aquela situación que denunciaba Manolo Rivas no poema “fonema”: “A min custoume algún traballo dicir sen respirar/que había plantas monocotiledóneas/pero non din sabido de que familia era, se é que a tiña/o toxo que douraba os montes de Galicia”.
A modo de caderno de viaxe, poñemos en aberto unha achega da Semana de Educación que vén de rematar o pasado 25 de setembro. Agardamos que sexa de interese polos contidos que nela se poden consultar e tamén que sirva de reclamo para que o vindeiro curso académico se poidan matricular todas as persoas docentes que o desexen.
21 de Setembro
DE CANDO OS ANIMAIS FALABAN: ROTEIRO DIDÁCTICO POLO PARQUE ETNOARQUEOLÓXICO DO OUTEIRO DAS MOURAS DE SALCEDO.
Un ano máis dá comezo este clásico das actividades formativas organizadas conxuntamente entre a CIG-Ensino e a AS-PG, esperando cumplir coas expectativas dos nosos asistentes.
Nesta xornada inaugural tivemos a oportunidade de visitar o Parque Etnoarqueolóxico do Outeiro das Mouras, na parroquia de San Martiño de Salcedo (Pontevedra), asistidos por Rafael Quintiá, licenciado en económicas e en antropoloxía, profesor de antropoloxía na Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega.
O Parque Etnoarqueolóxico do Outeiro das Mouras é un proxecto innovador e pioneiro, executado e xestionado pola Comunidade de Montes de Salcedo, que pretende ser un referente dos proxectos de posta en valor do patrimonio nacidos, realizados e xestionados por esta entidade veciñal. O seu propio nome “Outeiro das Mouras” xa nos remite a ese espazo do imaxinario popular no que as comunidades rurais galegas, perdida a memoria de quen puido levar a cabo determinadas construcións milenarias que forman parte da paisaxe – propias do Neolítico e idade dos metais- acaba por atribuílas a seres fantásticos que habitan ou habitaron nunha dimensión paralela á da humana xente: os mouros e mouras.
Este Parque Etnoarqueolóxico, como centro de interpretación da nosa prehistoria, ocupa varias hectáreas do que noutrora foi un campo de tiro militar da BRILAT. Inaugurado en 2019, consiste na recreación – aproveitando a existencia de estacións de gravuras rupestres- dun poboado no tránsito desde o Neolítico á Idade dos Metais (Calcolítico e Idade do Bronce).
O conxunto está formado por distintos elementos:
- Tres vivendas construídas con técnicas e materiais propios do medio ambiente que correspondería á época: paredes de entretecido pallabarro e varas flexibles; e cuberta vexetal de especies como o toxo, xesta, abeleira, ou salgueiro (lembremos que o propio topónimo Salcedo fai alusión á abundancia deste arbusto) onde se realizarían as tarefas cotiás.
- Unha cabana comunal, maior, que serviría de espazo de reunión para os habitantes da aldea, rituais e cerimonias colectivas.
- A casa do xamán, vivenda circular de maiores dimensións que o resto asociada a prácticas relixiosas, o acceso ao mundo do alén, a maxia, curacións...
- Currais, silos de almacenaxe de gran e landras, forno de cerámica, zona comunal de fundición dos metais...
- Unha empalizada perimetral de varas de castiñeiro e abeleira.
Deste xeito coñecimos un pouco aspectos como a organización funcional do poboado, o sistema construtivo e de almacenamento ou cocción, a forma das cabanas ou as especies que cultivaban e os animais que coidaban naqueles tempos da prehistoria.
Tras a visita ao conxunto, e postos ao corrente das iniciativas para levar a cabo propostas didácticas de recreación das actividades prehistóricas (ritos xamánicos, música, arte rupestre, técnicas agrícolas...), visitamos o conxunto de gravuras rupestres do Outeiro das Mouras/A Chan das Mouras, representados xa desde 1901 por autores como Murguía, entre os que destaca a Pedra do Fundamento, coas súas cazoliñas, reticulados e combinacións circulares.
A continuación realizamos unha pequena camiñada pola senda do río das Flaires, -recuperada e rehabilitada para o uso público – que percorre a parroquia e vai mudando de nome ao longo daquela até alimentar coas súas augas o río Tomeza; visitamos o arboreto “do Vello” de 3,3 Ha creado pola Comunidade de Montes, con especies caducifolias e perennes: abeleiras, loureiros, acivros, pradairos, castiñeiros, bidueiros, sobreiras, carballos… – que veu substituír ás outras especies de frondosas alóctonas, en especial as acacias-, e Quintiá nos explicou a función e orixe de distintos elementos etnográficos restaurados e postos en valor, tales como vellas canteiras de extración de pedra, fontes, pozos de rega, levadas de auga e o aproveitamento veciñal ordeado das mesmas, etc. todo iso adornado con diversas lendas de tradición oral.
23 de setembro
Estivemos con Xosé Lois Vilar, Licenciado en Xeografía e Historia, Director da sección de Arqueoloxía e Prehistoria do Instituto de Estudos Miñoranos , membro da Asociación Galega de Onomástica e presidente da Asociación de defensa Medioambiental SOS a Serra da Groba.
Tamén, da man de Juan José Hermida Lago, profesor de Bioloxía e Xeoloxía, adentrámonos nunha historia xeolóxica que nos remonta ao período do Cámbrico, -emparentándonos nada menos que cos Apalaches norteamericanos- e ás oroxénesis Herciniana e Alpina, das que Monteferro é un testemuño de excepción.