A CIG-Ensino responsabiliza o Ministerio e a Consellaría de xogar con decenas de miles de opositoras ao ensino

O MEFP envía un escrito a última hora no que afirma que se podería ampliar a OPE de 2020 e celebrala conxuntamente no 2021

A Xunta só ten os ollos postos nas eleccións do 12X, o que condiciona a súa decisión de abrir o prazo de inscrición o 1 de xuño.

Finalmente durante o desenvolvemento  da Mesa Sectorial celebrada chegou un documento do Ministerio coa súa opinión sobre a modificación do RD de ingreso e a  posíbel acumulación das  OPE de 2020 e 2021. A argumentación coincide co que xa adiantaran altos cargos do MEFP en resposta á proposta da CIG-Ensino: non consideran necesario nin suficiente cambiar o RD e dan por boa a acumulación se se amplía a OPE de 2020.

A posición do Ministerio xa ficara clara na votación en contra das emendas formuladas pola CIG-Ensino no Consello Escolar do Estado ás emendas presentadas para aproveitar a modificación parcial do Real Decreto 276/2007 que está nestes momentos en trámite e aumentar a súa vixencia até o 2021, propostas que contaron co voto favorábel doutras OO.SS. mais non da totalidade delas.

Logo dun receso para estudar o documento do MEFP, a Consellaría reafirmouse na súa decisión a seguir adiante co prazo de inscricións, mesmo poñendo en cuestión a valía do documento ministerial. A decisión da Consellaría só se pode entender como un DILEMA TRAMPA, xa que só parte de dous escenarios: anular a convocatoria ou seguir para adiante co prazo de inscrición. A contradición da Consellaría é total a este respecto: afirma que non hai unha seguridade xurídica absoluta aínda que abran a inscrición mais deciden facelo. É obvio que a data electoral do 12 de xullo o condiciona todo. A CIG-Ensino demandou que xa que contamos cun informe ministerial (do que expresamos as nosas dúbidas ao entendermos que a única vía era a modificación do RD), a Consellaría traslade á Asesoría Xurídica Central da Xunta a legalidade ou non do incremento da OPE do 2020 e que ese informe se remita ás organizacións sindicais antes de tomar ningunha decisión. A Consellaría negouse inicialmente e só ao final do debate afirmou que fará a consulta mais sen ningún tipo de garantías e fixando a data do 1 de xuño como inicio do prazo de inscrición.

A Consellaría abrirá o 1 de xuño o prazo de inscrición movida exclusivamente por motivos electorais.

A proposta da CIG-Ensino pasaba inequivocamente porque se puideran acumular as prazas de ambas OPE, que segundo os propios datos da Consellaría poderían ser ao redor de 1.000 prazas máis no 2021 polas xubilacións que se poderían producir. Unha cifra totalmente realista se temos en conta que o pasado ano houbo 902 vacantes por xubilación e defunción e hai dous anos 1.160. Desde a CIG-Ensino consideramos que este incremento dun milleiro de prazas máis beneficiarían tanto ao persoal opositor que, sobre todo nas especialidades do corpo de mestres/as como nas comúns de secundaria, verían incrementada notabelmente a súa opción de conseguir un emprego fixo como ao ensino público en xeral. Cremos que o desinterese do Ministerio así como as présas extraordinarias da Consellaría por cumprir co trámite da Mesa de hoxe son os elementos que levan á decisión que comunicou a Consellaría. 

Desde a CIG-Ensino insistimos en que había alternativas que a Consellaría se negou a presentar na Mesa e as ofertas de emprego non supoñen incremento orzamentario nin de postos de traballo xa que non se crea ningún emprego novo, cando o ano que vén vai ser necesario acometer unha oferta xenerosa polo elevado número de xubilacións que se agarda e pola necesidade de reforzar os cadros de persoal dos centros para facer fronte a un ano excepcional tanto se se mantén a situación de pandemia como senón. De feito, a propia Consellaría afirmou que van ter que abrir numerosas listas de interinidade, algo obvio tendo en conta que a actualización destas listas faise anualmente coas persoas que non superan o proceso selectivo.

En todo este tema da convocatoria de oposicións só podemos concluír que tanto o Ministerio como a Consellaría están a xogar cos intereses de decenas de miles de persoas e que a OPE de 2021 non se vai poder levar adiante antes de 2022.

As oposicións 2020-2021.

A posición da CIG Ensino.

  • Modificar o Real Decreto de ingreso e acceso ampliando a 2021 a súa vixencia (responsabilidade do MEFP).
  • Publicar a Oferta Pública de Emprego (OPE) de 2021 canto antes e no momento no que a Consellaría teña previsións claras de taxa de reposición.
  • Unificar nunha única convocatoria ambas OPE

Información do desenvolvemento da mesa sectorial

CIG Informa da Mesa Sectorial sobre as oposicións 2020-2021

Documento


Volver