XII Convenio estatal de centros de asistencia e educación infantil 0-3: as patronais incumplen nova adaptación salarial regulada na disposición final 5ª e na transitoria 9ª

A CIG-Ensino, xunto coas demais OO.SS, demandará na Audiencia Nacional se as patronais non rectifican previa papeleta de conciliación no SIMA

Logo de dúas mesas de negociación estatais (11 e 31 de marzo) do XII Convenio de centros de asistencia e educación infantil de 0-3 anos, as patronais do sector non só decidiron incumprir o que asinaron neste mísero convenio, senón que amosaron un total desprezo e desconsideración coa representación sindical e cos traballadores e traballadoras en xeral, ao intentar dilatar e retrasar o máximo posible a obriga e deber que teñen de facer unha nova adaptación salarial en todas as táboas do convenio (xerais, xestión indirecta e de obras sociais e caixas de aforros). Logo de convocar a 1º mesa 2 meses tarde, dende que sabemos como quedou o IPC en 2021, e pedir  nesa mesa vinte días para facer unha proposta, presentáronse na 2ª mesa sen nada.

Esta adaptación salarial consiste en aplicar a todas as táboas salariais en vigor actualmente o 5,5% de suba, dende o 1 de setembro de 2021, segundo recolle a disposición final 5ª:

No caso de que o IPC ao 31 de decembro de 2021 fose superior ao 1 por 100, revisaranse os salarios no exceso da indicada cifra con carácter retroactivo desde o 1 de setembro de 2021. As empresas terán un prazo de dous meses para actualizar eses atrasos”.

Dende a CIG-Ensino , secundada desta vez polas demais OO.SS, respostamos cun contundente “hai que cumprir o asinado”, polo que xudicializaremos este incumprimento na Audiencia Nacional, previa papeleta de conciliación no SIMA (Servizo de Intermediación e Arbitraxe). Esperemos que as demais OO.SS, sobre todo ás asinantes do XII convenio, se manteñan nesta reivindicación xusta e lexítima, pois xa non sería a 1ª vez que todas elas ceden e renegocien á baixa. Para os asinantes do convenio, o 5,5% xa non sería de aplicación para as táboas de xestión indirecta ao compartir coa patronal que o “espírito da negociación” non era ese, renunciando tamén á literalidade do texto da disposición final 5ª. Se fose ao contrario a patronal compartiría o espírito ese? Sobran exemplos de que non…

Todas estas adaptacións salariais e modificacións ao SMI, veñen darnos a razón das miserias que se negocian neste ámbito estatal, da precariedade salarial no sector e do pouco recoñecemento ao persoal traballador que se ten. O triste é que a inflación de 2021, cun IPC do 6,5%, sexa a que nos marque o camiño que a negociación, nestas mesas estatais, foi incapaz de acadar. O mesmo ocorre coa aplicación do SMI, agora en 1000€, e que todos e todas as que tedes un salario base inferior debedes estar cobrando desde xaneiro do 2022.

Por iso defendemos un Marco Galego de Negociación como única vía de negociación real, na que non se vos suplante ás traballadoras e traballadores, na que se defendan os vosos intereses, non se vendan e intercambien, sendo vós os que decidades para poder dignificar o sector cun Convenio Galego xusto. Para isto precisamos máis representación sindical, ser maioritarios no sector en Galiza, para reforzar o noso modelo sindical asembleario, reivindicativo e combativo, fronte ao pactista e entreguista das demais OO.SS estatais.

CIG-Informa XII Convenio estatal de centros de asistencia e educación infantil 0-3: as patronais incumplen nova adaptación salarial regulada na disposición final 5ª e na transitoria 9ª

Documento


Volver