Xa non vale a parálise. É tempo de facer os deberes

A CIG-Ensino dirixe unha carta á nova ministra de Educación

Demandamos a derrogación da LOMCE e a restitución dos dereitos eliminados polos recortes executados polo goberno Rajoy, así como a aposta por un modelo descentralizado e respectuoso co carácter plurinacional do Estado.

Nada máis tomar posesión, a nova ministra de Educación vai ter na súa mesa as demandas que a CIG-Ensino pon como elementos fundamentais neste novo tempo político que se vén de abrir após a moción de censura que desaloxou do goberno central ao partido corrupto que foi protagonista no Estado, e segue a ser en Galiza, dos maiores recortes laborais para o profesorado e das máis duras agresións ao ensino público.

Na carta, o secretario nacional da CIG-Ensino pon como primeiro elemento fundamental a derrogación da LOMCE, unha lei imposta unilateralmente polo Partido Popular e que recibiu unha contestación social sen precedentes. A CIG-Ensino lembrou que, xa na comparecencia da organización sindical maioritaria no ensino público galego na Subcomisión para o suposto pacto educativo, avogou por unha nova Lei que sexa de mínimos e que permita o desenvolvemento dunha Lei Galega de Educación que dea resposta ás necesidades do noso sistema educativo, respectando o carácter plurinacional, plurilingüístico e pluricultural do Estado español.

Outros temas apuntados na carta á ministra gardan relación coa perda de dereitos do profesorado como son as medidas impostas no RD 14/2012, que fixa un horario de 20 períodos lectivos para o profesorado de secundaria e de 25 para o corpo de mestres. Malia esta demanda, a CIG-Ensino lembrou que xa hai comunidades autónomas que negociaron unha redución deste horarios e a volta ás 18 horas nos corpos de secundaria. Neste sentido, o secretario nacional da CIG-Ensino incidiu no bloqueo que neste momento mantén o goberno Feixoo para impedir que se poida negociar esa recuperación do horario lectivo que tiña o profesorado galego cando o PP chegou á Xunta (18 horas lectivas en secundaria e 21 en infantil e primaria).

Un terceiro tema de especial relevancia para o profesorado é a eliminación, con carácter permanente, da taxa de reposición para o ensino público, un elemento empregado en plena crise polos gobernos de Zapatero e Rajoy para reducir o acceso á función pública docente de miles de profesionais. Neste sentido, a CIG-Ensino demándalle ao novo goberno central a denuncia e revisión do mal chamado acordo de “estabilidade” asinado polo PP cos sindicatos CCOO, UGT e CSIF e que non levanta o veto a esa taxa de reposición, senón que se conforma con que volva a aparecer logo de tres convocatorias de emprego. Eliminar a taxa de reposición ten tamén unha clara compoñente descentralizadora, xa que permite que sexa cada administración educativa a que xestione os seus recursos humanos e, por tanto, os límites e condicións nas ofertas de emprego.  

En paralelo a esta demanda a CIG-Ensino fai fincapé no seu escrito na necesidade de acometer con valentía a negociación dun novo modelo de ingreso á función pública docente con carácter transitorio, motivado no alto índice de persoal interino que as propias políticas de redución de persoal provocou. Ese novo modelo, segundo a CIG-Ensino, debe ter como referente a dobre vía de acceso, previo cambio da lexislación que a día de hoxe limita esta posibilidade e que serviu sempre de escusa a todos os gobernos para evitar esta modalidade.

Por último, desde a CIG-Ensino formulan a necesidade dun cambio de rumbo total no que ten a ver coa ausencia de negociación e coa política de imposición unilateral do PP. Un marco de negociación que, defenden na CIG-Ensino, debe ser respectuoso co marco competencial, tanto desde a perspectiva territorial como sindical, e non atentar contra as competencias e capacidades de negociación, como en moitas ocasións se pretendeu nestes últimos anos, tanto por parte do goberno como das organizacións sindicais estatais.

 

Volver